Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Coca-Cola e hostalería apostan pola sustentabilidade en O Son

Divulgaron a plataforma Hostelería #PorElClima // Promove o compromiso dos empresarios na loita contra o cambio climático

O Concello de O Son continúa a súa aposta pola economía circular e a sustentabilidade para a loita contra o cambio climático, na que agora tamén trata de implicar ao sector hostaleiro do municipio. Por este motivo convidou na tarde deste xoves a Coca-Cola para presentar na casa da cultura sonense a iniciativa Hostelería #PorElClima que a compañía impulsa xunto á Fundación Ecodes e a Hostelería de España; unha iniciativa coa que axuda a reducir CO2 a bares, hoteis, cafeterías e locais de ocio.

Foi unha sesión formativa e de sensibilización á que acudiron diversos representantes do sector hostaleiro da comarca, e na que a xestora de Comunicación de Coca-Cola Europacific Partners Iberia, Gema Domínguez Barral, presentou os detalles da citada plataforma, onde se proporcionan as claves da loita contra o cambio climático e se descobren as pautas a seguir para contribuír á redución do impacto no medio.

“A hostalaría constitúe un sector de gran importancia para a economía española. Atopámonos nun momento clave no que a hostalaría pode dar a coñecer o seu compromiso coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático e aproveitalo para convertelo nun elemento que contribúa a dar un impulso á súa recuperación económica nunha situación como a actual”, explicou Domínguez.

Pola súa parte, o rexedor, que presidiu o acto, destacou a importancia de apoiar aos hostaleiros e agradeceu a Coca-Cola a súa iniciativa non só de fomento da sustentabilidade, senón tamén de dar visibilidade aos establecementos comprometidos nesta loita.

“No Concello de Porto do Son estamos convencidos de que o futuro pasa por ser responsable e respectuoso co medio ambiente e co planeta. De aí o noso apoio a iniciativas comprometidas coa contorna e o noso traballo por desenvolver actividades que dean un paso máis no impulso do coidado da sustentabilidade contra o cambio climático”, subliñou Luis Oujo.

Finalmente, a xornada pechouse co brand ambassador de Coca-Cola, Adrián Costa, que impartiu unha formación con diferentes combinados adaptados ás novas ocasións de consumo.

plataforma
Á procura dun mundo mellor

··· Hostelería #PorElClima naceu no ano 2017 tras o chamamento mundial para adoptar medidas que contribuísen a frear a emerxencia climática e permitisen facer posible un mundo mellor e máis sostible.

··· Esta constitúe unha plataforma virtual que une á comunidade de establecementos que decidiron comprometerse coa sociedade, coa nosa contorna e cun futuro mellor.

··· Esta ferramenta facilita que as empresas se sumen aos obxectivos do Acordo de París e consigan converterse en establecementos neutros en carbono.

··· Desde que se puxo en marcha, máis de 1.100 establecementos adheríronse á iniciativa, 200 deles na Comunidade galega, desenvolvendo máis de 11.000 accións polo clima. Ademais, para dar relevancia e visibilidade ás boas prácticas do sector, a web de Hostelería #PorElClima publicou máis de 150 historias e seis casos de éxito.

22 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.