Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Coidando os humidais e o litoral da Costa da Morte

Adega elimina plantas invasoras en Baldaio e Traba // Mar de Fábula e a Fundación Oxígeno limparon coídos en Camariñas

O labor do voluntariado, baixo a coordinación de colectivos ambientais, está a contribuír á mellora e conservación dos principais humidais e espazos litorais da Costa da Morte.

Na pasada fin de semana, a asociación Mar de Fábula co apoio de membros da Fundación Oxígeno de Burgos e do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) de Santa Cruz de Oleiros, xuntaron a un grupo de voluntarios e voluntarias para retirar o lixo que o océano está a devolver para terra na costa de Camariñas. Concretamente, traballaron na praia de Camelle e nos coídos de Coenda, onde é habitual que o mar acumule a “colleita de inverno” de refugallos plásticos.

Unha tarefa que se saldou con numerosas bolsas cheas de lixo que, agora será seleccionado e reciclado, e unha parte do mesmo poderá ser incluso reutilizado ou reconvertido para outros usos. Ademais da encomiable acción a prol do medio ambiente, os voluntarios tamén rescataron no areal de Camelle un frailecillo que estaba ferido.

Asemade, os participantes visitaron a aula medioambiental que Mar de Fábula ten en Camelle e desde a cal traballan na concienciación e sensibilización dos máis pequenos ante a necesidade de coidar o medio natural.

Pola súa banda, Adega segue adiante co seu proxecto de Voluntariado Ambiental para a conservación dos humidais e a flora da Costa da Morte. Unha iniciativa que conta co apoio da Acción Social de CaixaBank a través da Convocatoria de Medioambiente 2021.

O pasado sábado, un grupo de voluntarios desprazáronse ata a lagoa de Baldaio, en Carballo, para eliminar especies de flora invasora. E o vindeiro día 12 levarán a cabo unha acción semellante no Complexo Húmido de Traba, no Concello de Laxe.

Os participantes centraranse na eliminación de flora exótica invasora, a cal “pode chegar a ser un perigo para as especies ameazadas do espazo natural”, segundo sinalan dende Adega.

Será unha xornada de mañá e tarde, e adicarán as horas matinais a recoñecer as invasoras e proceder a súa eliminación. Pola tarde, realizarase unha ruta polo espazo natural protexido de Traba para descubrir os seus valores naturais e paisaxísticos.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar unha inscrición previa xa que as prazas son limitadas. Poden facelo a través da dirección de correo electrónico ramses@adega.gal ou tamén chamando ao número de teléfono 616 238060.

Todos os voluntarios que participen terán cubertos os gastos de manutención e contarán cos seguros precisos.

Esta actuación dá continuidade a un traballo comezado hai uns anos por Adega en colaboración co Departamento de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, e que deu lugar á creación das Microrreservas de Flora da Costa da Morte. A Acción Social de CaixaBank dá soporte a este proxecto e a outras accións semellantes encamiñadas á mellora do patrimonio natural a través da protección da biodiversidade, a innovación ambiental e á loita contra a despoboación.

08 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.