Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Estanse a acometer traballos nun treito de 400 metros na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á estrada autonómica // Estarán rematados para a vindeira semana TEXTO Claudina Estévez

Cometido final: unha ruta máis segura para a peregrinación

Máis de 200.000 euros é o investimento que o Goberno galego fixo para mellorar a seguridade viaria das estradas da Xunta no Camiño de Fisterra. A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este xoves no concello fisterrán os traballos que comezaron o pasado luns na estrada AC-445, que une Fisterra e Cee, para garantir unha mobilidade máis segura a peregrinos e veciños. Actuacións que, segundo concretou, estarán rematadas a vindeira semana.

As intervencións, que contan cun investimento de 30.000 euros, estanse a acometer nun treito de 400 metros, na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á citada estrada autonómica.

O obxectivo destos labores non é outro que facilitar o tránsito dos peregrinos que camiñan pola beiravía e ofrecerlles condicións máis seguras nos seus desprazamentos. Para iso, retirarase a bionda, antes de executar unha senda pola marxe esquerda da vía. Tamén se colocará unha valla protectora e se reforzará a sinalización deste treito para que os condutores pasen con maior precaución por esa zona.

Vázquez Mourelle recalcou que estas actuacións “contribuirán a que este treito do Camiño de Fisterra gañe protagonismo, ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable”.

A responsable de Infraestruturas enmarcou esta intervención nun novo programa da Xunta que recolle 70 actuacións para incrementar a seguridade en cruzamentos ou treitos das rutas xacobeas que discorren en paralelo coas estradas autonómicas, cun orzamento global de 1,4 millóns de euros. Concretou que son setenta a executar con criterios comúns no deseño, que quedarán rematadas na súa totalidade neste mesmo ano. Detallou, asemade, que no caso do Camiño de Fisterra, serán once as actuacións nas marxes de seis estradas autonómicas ao seu paso por oito municipios.

Ethel Vázquez concretou que xa están rematadas algunhas melloras, como a da estrada AC-445, en Corcubión, onde se habilitou un pequeno itinerario para os peregrinos; ou a da estrada AC-440, en Mazaricos, onde se acometeu un treito de senda. Engadiu outras dúas obras en execución, esta de Fisterra e a prevista en Muxía, na estrada AC- 440, que quedarán finalizadas ambas as dúas a próxima semana.

Lembrou asemade que o Executivo autonómico impulsou nos últimos anos diversas actuacións en treitos das vías autonómicas coincidentes coas trazas dos Camiños, cun investimento de 3,5 millóns de euros, e que tamén está a ultimar as intervencións de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, cun orzamento de 12,6 millóns de euros.

Vázquez Mourelle engadiu asimesmo que estas melloras na mobilidade que está a efectuar a Xunta “poderían incrementarse se os criterios de reparto dos fondos Next Generation por parte do Goberno central fosen máis xustos”.

En definitiva, a través de todas estas actuacións, o Goberno galego está a facer unha clara aposta pola mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia prevista para 2022.

A PROTAGONISTA
“Maior accesibilidade e comodidade”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

A responsable de Infraestruturas quixo deixar claro que as obras que onte visitaron están dirixidas a mellorar a seguridade vial para que así os peregrinos poidan transitar sen imprevistos “pois estamos a falar dun treito que coincide coa traza do Camiño de Santiago”, indicou. A finalidade non é outra, según recalcou Ethel Vázquez, que “mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e que o itinerario sexa cómodo e seguro”.

Segundo detallou, o proxecto tamén prevé “a colocación dunha nova valla protectora, máis preto do firme da estrada, polo que o itinerario para os peregrinos quedará perfectamente delimitado e mellor preservado”. Ademais reforzarase a sinalización deste treito para indicarlle aos camiñantes o traxecto e para advertir aos condutores do tránsito frecuente de peregrinos pola beira da estrada, para que circulen con precaución.

{ A OLLADA }
A vista posta en 2022
Claudina Estévez

A Xunta de Galicia está a executar un total de setenta actuacións con ánimo de aumentar a seguridade viaria en cruces ou treitos das rutas xacobeas que discorren en paralelo coas estradas autonómicas. O orzamentotal é de 1,4 millóns de euros, un investimento co que se pretende facer cen por cen seguro o Camiño para os peregrinos de cara ao ano 2022, data na que se prevé que o Xacobeo sexa máis intenso. Nuns momentos nos que o turismo tanto se resentiu por mor da COVID é dende logo fundamental centrarse en intentar revivilo. Con actuacións como esta non cabe dúbida de que se está a investir en Galicia e a pór todas as esperanzas no vindeiro ano, facilitando que os peregrinos se animen a facer o Camiño.

06 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.