Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comeza a transformación da fachada marítima de Aguiño

O Concello de Ribeira vén de adxudicar con carácter provisional a actuación dirixida a remodelar a fronte marítima de Aguiño, un ambicioso proxecto enmarcado dentro da Edusi Máis Ribeira Atlántica cofinanciado polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

A empresa que obtivo a maior puntuación durante o proceso adxudicatario foi Canarga Construcciones, conforme a unha oferta económica de 918.623 €, IVE incluído.

A actuación abrangue entre a punta do Laño e o cruce da rúa Castelao coa estrada xeral que vai a Castiñeiras (1.720 metros de lonxitude).

Unha primeira zona de actuación céntrase en Transporto, onde ademais da creación dun paseo pola beira do mar inclúe a habilitación dun espazo para uns vinte aparcamentos e a creación dunha zona de Pump Track/Skate e outra de calistenia.

No contorno portuario construirase unha rotonda xeral de entrada ao porto e eliminarase o vial que pasa por diante da confraría e da fábrica de xeo para gañar en amplitude na praza existente, o que potenciará a súa capacidade para albergar eventos.

As actuais zonas verdes e de aparcamento serán remodeladas e crearanse dúas áreas empedradas.

Xa entrando na rúa Castelao crearase un carril bici que enlazará co que hai na rúa Torres Queiruga. Ademais, as beirarrúas serán ampliadas coa fin de garantir a accesibilidade e crearanse máis prazas de aparcamento, zonas verdes e pasos elevados.

Asimesmo, habilitarase unha gradiña que servirá como miradoiro cara o Carreiro.

As beirarrúas da rúa Castelao teñen actualmente un ancho de medio metro e, dado que a accesibilidade universal é un dereito que está por encima de criterios de operatividade do tráfico rodado, alargar as zonas de tránsito peonil resultaría incompatible con manter o dobre sentido da circulación nesa rúa, como plantexou o PBBI.

Ante esta disxuntiva, o goberno que preside Manuel Ruiz optou por antepoñer a accesibilidade, de tal modo que se implantará o sentido único para poder ampliar as beirarrúas desa vía ata un ancho dun metro e medio.

En canto á petición do citado grupo da oposición para que se instalasen semáforos no cruce da rúa Castelao coas rúas Listres e Vionta, a administración local descartou esa posibilidade alegando razóns de seguridade viaria, pois os técnicos advertiron que colocar semáforos nunha recta tan longa podería ser perigoso. E é que algúns condutores poderían ter a tentación de pisar o acelerador ao ver de lonxe o cambio da luz verde a vermella. Por iso, a medida que se contempla é instalar catro pasos elevados.

Finalmente, no referente á petición do PBBI de desprazar o trazado previsto para o carril bici, o Concello descartou esa opción ao non existir autorización de Costas para deseñalo, como propoñía ese partido, en zona de dominio público marítimo-terrestre.

delegribeira@elcorreogallego.es

28 abr 2022 / 17:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.