Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comezaron os traballos de datación e restauración do cruceiro gótico de Cheis

É un dos Bens de Interese Cultural de Vimianzo // Os estudos anteriores sitúan a súa construción entre os séculos XIV e XVI

O Concello de Vimianzo comezou este luns os traballos de recuperación do cruceiro de Cheis, tamén coñecido como Cruceiro dos Santos, que será retirado para a súa restauración e datación. As tarefas abranguen tamén a adecuación da contorna, actuacións na base e no propio ben.

Realizarase un estudo arqueolóxico integral, de restauración e tamén de tipo histórico-artístico, “porque non están moi claras as datas de construción”, sinalan. Existe documentación que fala do século XIV, pero tamén do XV e máis do XVI. “Trátase dun abano temporal moi amplo e preséntase agora a oportunidade de poder contextualizalo a través da metodoloxía arqueolóxica”, engaden.

A estrutura presenta un deterioramento que fai necesario, como Ben de Interese Cultural, trasladalo ata a escola de Bamiro para limpalo e consolidalo. Reporanse os anacos que lle faltan eliminando material sobrante.

Por outro lado, reconstruirase o perímetro de observación, retranquearase dous metros a cada lado e configurarase novamente o valado intentando respectar os liques para non alterar a paisaxe que circundaba o cruceiro.

Na escavación, no propio lugar de asentamento do ben, realizarase unha nivelación e conformarase unha nova zapata dependendo do sustrato existente. Si aparece rocha ou xabre, farase de argamasa, e senón, de cemento. Sobre esa peza colocarase un drentes, que é unha lámina que impide que as sales emigren cara arriba e afecte á pedra.

Existen tamén referencias que falan de pinturas, polo que a limpeza será moi paulatina para ver si poden atoparse este tipo de elementos, aseguran dende o Concello.

Os traballos están a ser executados por un equipo que está conformado por dúas arqueólogas, Cristina Seoane e Mónica Montero; unha restauradora, Comba Torre, e o canteiro Ismael Cernadas.

Desde o goberno local sinalan que “este tipo de actuacións, que garanten a preservación e posta en valor dos bens patrimoniais, son esenciais non só para manter viva a nosa historia, senón tamén para descubrir máis sobre ela e realzar, aínda máis se cabe, a súa beleza”.

Os historiadores José María Laredo e Xosé María Lema Suárez confirman no seu libro Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte que “trátase dun cruceiro claramente encadrable no estilo gótico: o Cristo está crucificado con tres cravos, cos brazos en arco e bastante abertos, e co pé dereito moi montado sobre o esquerdo, cos ollos pechados (xa morto)”.

Na parte superior, engaden na súa obra, aparece un anxo que baixa en caída vertical cunha coroa nas mans, e na parte inferior, aos pés do crucificado pode verse unha pequena figura dun frade axeonllado en actitude orante. No lado oeste, o que mira ao camiño, na parte superior aparece “unha maxestosa figura sedente” que representa a un home anciá coroado e, sobre a súa cabeza dexérgase unha pombiña”.

“Estamos ante unha representación da Trindade”, afirman, un tema que é “excepcional nos cruceiros galegos, sendo esta do cruceiro de Cheis a representación máis antiga”. Esta iconografía aparece tamén no cruceiro do pazo de Amarelle, de Ponteceso (1750), e Laredo e Lema Suárez aseguran que o seu autor “inspirouse claramente nesta obra soneirá”.

23 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.