Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comezou a limpeza e consolidación das estruturas do castro de Borneiro

Farase tamén un novo levantamento topográfico con imaxes aéreas e ortografía xeorreferenciada // Completaranse os labores cunha visita guiada e comentada

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitou este luns o Castro da Cidá de Borneiro para informar que a Administración autonómica iniciou hai uns días os traballos de conservación e posta en valor do mesmo, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2011 e no que a Xunta investirá case 10.000 euros.

O representante do Goberno galego informou que “a finalidade desta actuación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade é actuar sobre as estruturas exhumadas co fin de mellorar o seu estado de conservación e contemplación”.

En concreto, a intervención consistirá en limpar, consolidar e repoñer as coroacións dos muros que o necesiten, reparar as perdas de materiais e os puntos que presenten problemas estruturais de estabilidade e acondicionar a zona de paso da plataforma de madeira.

Por outro lado, aproveitarase para actualizar a documentación do castro mediante levantamento topográfico, fotografía aérea e ortografía xoerreferenciada. Os traballos complétanse cunha visita guiada e comentada ao xacemento que se fará unha vez rematada a actuación co fin de dar a coñecer á comunidade local e a todos os interesados os resultados destes traballos e os valores do espazo.

O Castro da Cidá, situado na parroquia de San Xoán de Borneiro, destaca pola súa caracterización estrutural e polo excepcional conxunto de construcións que ilustran o urbanismo castrexo. Trátase, ademais, dun complexo altamente coñecido na bibliografía arqueolóxica galega por ser un dos primeiros estudados da Idade de Ferro. En total, ten unha trintena de vivendas de planta circular simple ou ovalada nas que se atoparon útiles de ferro e bronce, muíños, moldes e outros elementos.

Foi descuberto en 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamente, e comezouse a escavar nos anos 30 baixo a dirección de Sebastián González García-Paz. Retomou os traballos nos anos 70 Jorge Javier Eiroa e a partir de 1980 Ana Romero Masía dirixiu as últimas e máis prolongadas escavacións, segundo se recolle na sección adicada a este xacemento no espazo web do Concello de Cabana.

Na actualidade, a Cidá de Borneiro ten escavadas as tres cuartas partes da superficie da croa e pódense contemplar un total de trinta e seis construcións. Son todas de tipo doméstico e a planta predominante é a redondeada. Non obstante, os historiadores sinalan que non todas deberon funcionar como vivendas, senón que algunha, polo tipo de pedra dos seus muros, dos materiais atopados no seu interior e as dúas dimensións parece que foron empregadas como anexos ou dependencias.

En moitas das vivendas atopáronse os fogares orixinarios, pero non se conservan os restos orgánicos debido, sobre todo, á acidez característica do chan galego.

O castro conta tamén cun “barrio de extramuros”, no lado leste, coincidindo coa entrada principal ao poboado.

16 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.