Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Concellos, veciñanza e os apicultores suman forzas para combater a velutina

Carballo e Zas, como xa o fixeron A Laracha e Cabana, teñen en marcha campañas de trampeo // O obxectivo é capturar raíñas

Aínda que acabar coa avespa velutina semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible coas campañas anuais de trampeo, nas que Carballo foi un concello pioneiro no ano 2017. Agora, na Costa da Morte, son xa varios os concellos os que apostan por este método e, co apoio de apicultores e da veciñanza, en xeral, tentan cada primavera facer fronte a esta especie invasora.

Na capital de Bergantiños presentouse a pasada semana a nova campaña. O obxectivó é seguir ampliando o equipo de voluntariado, e por iso o Concello e a empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas poñen a disposición de toda a veciñanza tanto as trampas como líquido atraente. As persoas interesadas deben cubrir un cuestionario dispoñible na web carballo.gal, ou achegarse ata a oficina da referida empresa, situada na rúa Brasil número 27.

Ademais, este ano realizaranse formacións específicas en cinco puntos do concello, coa finalidade de achegar ao maior número de persoas posibles nocións básicas sobre o comportamento da avespa velutina, a fabricación de trampas caseiras ou a prevención de picaduras, entre outros aspectos.

As sesións terán lugar nos centros sociais de Lema (22 de marzo, ás 17.00 horas), Sofán (día 24 ás 20.00 h.), Cances (día 28 ás 17.30 h.), Carballo (día 29, Escola de Arrabalde ás 20.00 h.), e Rus (día 31 ás 19.00 horas). As persoas interesadas poderán achegarse a calquera destes puntos nas datas fixadas.

Dende o Concello de Carballo agradecen “a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita”. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de niños secundarios.

En Zas, tamén puxeron en marcha, un ano máis, a campaña de trampeo, que se desenvolverá durante os meses de marzo, abril e maio, coa colaboración da veciñanza.

“Esta época é clave para loitar contra esta praga”, asegurou Isidro Rodríguez, reponsable da empresa Plaguiber, durante a presentación da campaña que tivo lugar no Centro Sociocultural de Zas.

Ao igual que en Carballo, o Concello de Zas entende que a colaboración da veciñanza “é fundamental” para capturar o maior número posible de raíñas e evitar a formación doutros tantos niños. “Observamos que a campaña é moito máis efectiva coa colaboración dos veciños e veciñas, un xesto que temos que agradecer”, sinalou o Alcalde, Manuel Muíño.

Repartíron xa unhas 75 trampas entre os asistentes co seu correspondente líquido atraente para o vindeiros meses, pero aquelas persoas que non puideron asistir poden achegarse calquera día da semana ao Centro Sociocultural de Zas en horario de mañá para recoller as trampas. Recomendan colocalas preferiblemente en zonas onde haxa camelias.

O Concello levará un rexistro do número de trampas instaladas pola veciñanza e cada quince días deberán informar sobre as raíñas capturadas. Ademáis, instalaranse outras 80 trampas en lugares sensibles como os paseos fluviais, os exteriores dos colexios e nas Torres do Allo.

21 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.