Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Confirmada a censura en Ponteceso para retirar a Lois García da alcaldía

Está avalada por toda a oposición e liderada polos cinco edís exsocialistas // Din que presentarán a moción o luns // Raquel Fondo postúlase para ser a alcaldesa

Os cinco concelleiros non adscritos (exsocialistas) de Ponteceso, xunto cos portavoces do PP e APIN, confirmaron esta mañá en rolda de prensa que o luns presentarán a moción de censura contra Lois García (PSOE, 3 edís). A oposición, en bloque (os cinco non adscritos, PP e APIN), da así un paso ao fronte para tentar de poñer fin ao longo enfrontamento que veñen mantendo dende hai meses co executivo que lidera García Carballido.

A aspirante a ocupar o posto de alcaldesa, Raquel Fondo, explicou que a relación con Lois García comezou a deterioriarse “o mesmo día no que o PSOE obtivo a maioría absoluta (8 concelleiros) en maio de 2019”. Dende entón, engadiu, “pasou a ser unha persoa altiva e a tratarnos como seres inferiores aos cales non lles tiña que dar explicacións de ningún tipo”.

Aos seis meses de mandato reuníronse co presidente provincial do PSOE, Valentín González, “para limar as asperezas, e deulle un aviso ao alcalde para que escoitara ó seu equipo, pero todo foi en vano, as liortas forons a máis e Carballido ceñíase a decir: eu son o alcalde”.

Comezaron os ceses e o conflito derivou na expulsión do Partido Socialista dos cinco edís agora non adscritos, e “Lois García adicouse a seguir gobernando sen nengún tipo de diálogo e comportándose como se tivera a maioría absoluta que acadaramos todos xuntos”. Acúsano de “usar ao pobo como refén” e decidiron que “chegados a este punto, non nos queda outra opción que dar paso a este trámite e intentar apartar este home da alcaldía porque os máximos prexudicados son os nosos veciños”.

Non obstante, non está claro que a moción poida prosperar, xa que deberá ser a secretaria municipal quen valide ou non a mesma, en función da interpretación que faga da lexislación vixente, pola que podería considerar como tránsfugas aos cinco edís non adscritos. De feito, xa emitira un informe meses atrás no que, segundo o alcalde, “se recolle que os votos dos cinco non adscritos non son cualificados, polo que terían que xuntar dez apoios para que poidese prosperar a moción e non os teñen”.

De non darlle validez, os promotores da mesma xa anunciaron que recorrerán á Xustiza para que sexa “un xuíz quen decida”. Entenden que a secretaria debería “permitir a celebración do pleno”, porque “hai sentenzas favorables noutros casos similares, e consideramos que o lóxico sería que permitise o debate da moción e que sexa a xustiza quen valide ou non a mesma”, afirman.

No caso de que si prosperase a moción, Raquel Fondo anunciou que formaría un goberno en minoría cos seus catro compañeiros non adscritos, buscando despois os apoios do PP e APIN para sacar adiante as principais iniciativas e proxectos que vaian a desenvolver.

A concelleira Ana Pérez deu a coñecer as liñas xerais que marcarán o plan de actuación do futuro goberno, de chegar a constituirse: fomentar a participación e mellorar o diálogo coa veciñanza; apuntalar a economía municipal e incrementar as inversións; fomentar a cultura, o deporte e potenciar o turismo; e pór fin ao conflito cos traballadores municipais e elaborar unha Relación de Postos de Traballo (RPT).

Ademais, non renuncian ao Plan de Obras e Servizos que rexeitaron en tres ocasións, pero aseguran que só será posible sacalo adiante “se chegamos a un acordo co presidente da Deputación da Coruña”, xa que, como veñen sostendo nos últimos tempos, “Lois García xa non é un interlocutor válido, é un alcalde de palla, só serve para presidir os plenos”, indicou o portavoz do PP, Daniel García.

ALCALDE. O rexedor, Lois García, sinalou que “poderíana haber presentado hai catro meses, e evitarían que o Concello perdese 1.060.000 euros do Plan de Obras e Servizos (POS), o Plan Social e o Plan Complementario”. Considera que “o transfuguismo tiña que estar desterrado da política, e os partidos que colaboran con transfugas deberían ser penalizados nas urnas”. Ademais, acusa a APIN de sumarse “a unha trama moi clara para que Ponteceso perdera os fondos da Deputación, e os grandes prexudicados son os veciños e veciñas”.

01 may 2021 / 17:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.