Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Construíndo futuro desde a formación laboral para unha vintena de parados

Arrancou en Camariñas, Muxía e Vimianzo un novo obradoiro de emprego // É o terceiro conxunto en menos de dous anos

Vinte mozos e mozas iniciaron onte en Camariñas un camiño para seguir Construíndo futuro, nome co que se bautizou o novo obradoiro de emprego que desenvolven conxuntamente os concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo. Unha iniciativa que permitirá aos participantes formarse nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en pavimento e albanelería de urbanización.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polas alcaldesas Sandra Ínsua (Camariñas), Mónica Rodríguez (Vimianzo) e o seu homólogo de Muxía, Iago Toba, participaron na inauguración deste novo proxecto que suporá un investimento de 346.000 euros.

Paralelamente ao plan formativo, os alumnos-traballadores encargaranse do mantemento do monte Covadiña (Camariñas); a conservación e mellora das zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta (Muxía), a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, e tamén no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, de Camariñas; e de levar a cabo traballos de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal vimiancesa.

Trenor felicitou aos participantes “porque teredes a oportunidade de formarvos durante 9 meses para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación porque será unha importante axuda para que atopedes un emprego”. Pola súa banda, a alcaldesa camariñana, Sandra Insua, cualificou este día como “histórico porque rubricamos o terceiro obradoiro de emprego conxunto en menos de dous anos, todo un fito para a Costa da Morte”, e sinalou que “temos a obriga e estamos comprometidas coa inserción laboral”. A súa homóloga de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agarda que “sexa o paso previo” para que os participantes poidan formar parte do mundo laboral e desexoulles “a mellor das sortes, e que a partir de pequeniños pasiños poidades achegarvos un pouquiño máis á meta”.

O rexedor muxián, Iago Toba, dixo que “lonxe de supoñer unha efeméride este terceiro obradoiro, temos que seguir loitando por consideralo unha experiencia que se achegue ao convencional”.

O delegado da Xunta recalcou que na área de Bergantiños-Costa da Morte levaranse a cabo un total de cinco talleres ordinarios duais. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego máis de 1,7 millóns de euros. Ademais do inaugurado en Camariñas, tamén disporán de iniciativas similares Carballo; A Laracha; Cerceda, compartido con Tordoia e Trazo; e Dumbría conxuntamenteo con Cee e Corcubión. Estes obradoiros permitirán que un total de 100 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

01 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.