Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Conta atrás para a mellora de servizos no Barbanza

Sanidade agarda licitar en outono o proxecto de ampliación do hospital comarcal // Suporá un aumento dun 40 % das camas

A Xunta iniciará á volta do verán a obra da sala de endoscopias e o proxecto de ampliación do Hospital da Barbanza. Así o anunciou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha visita a dito centro comarcal, onde estivo acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, e pola xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez.

O titular da carteira sanitaria aproveitou para coñecer de primeira man os posibles espazos que acollerán as obras anunciadas polo Presidente da Xunta no transcurso da súa visita ás novas instalacións do servizo de Urxencias o pasado ano. Ademais, visitou os espazos que albergarán a nova unidade de endoscopias do centro, que comezarán a funcionar este ano.

Julio Comesaña insistiu na aposta do goberno galego polos hospitais comarcais, xa que desenvolve nestes intres procesos de mellora nos sete centros. Este compromiso vense sumar ao investimento xa realizado desde 2009 por valor de máis de 32 millóns de euros. Así, destacou, “os datos do Instituto de Estudos do Territorio amosan que o 85 % da poboación galega atópase a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia”.

A ampliación da hospitalización prevista no Plan Funcional aprobado pola xerencia da área sanitaria suporá un aumento dun 40 % das camas do hospital barbanzá, pasando de 81 a 117, o que posibilitará que se reduzan as derivacións de doentes a Santiago. Segundo subliñou o responsable da Sanidade pública galega “este crecemento vai permitir unha maior proximidade dos pacientes ás súas familias e un incremento da capacidade cirúrxica do hospital, xa que poderá aumentar as súas intervencións cirúrxicas ao ter aseguradas as camas para o posterior ingreso dos doentes”, indicou.

Así, inclúe a creación dunha nova unidade de hospitalización materno-infantil con 12 habitacións individuais e outra unidade de 24 habitacións individuais para doentes atendidos polo servizo de Medicina Interna, cunha área específica para coidados paliativos. Xunto a estas novas habitacións a área de hospitalización dotarase dos espazos de apoio necesarios, como control de enfermería, salas de estar para doentes e familiares, almacéns ou áreas de traballo para profesionais.

Resta agora facer o informe de viabilidade estructural e implantación para confeccionar os pregos para a licitación do proxecto arquitectónico. “Agardamos poder licitar ese proxecto no outono para que no ano 2022 sexamos quen de licitar e adxudicar o contrato de obra” manifestou García Comesaña.

Nestes intres hai en marcha actuacións nos 7 hospitais comarcais de Galicia. “Isto é significativo, pois demostra que este goberno cre en potenciar a rede de hospitais comarcais”, subliñou o conselleiro, quen avanzou que estase a traballar para licitar este ano unha reforma das urxencias do hospital de Cee.

reforma integral
Nova área de endoscopia

··· A reforma integral da área de endoscopias adxudicouse hai uns días polo que as obras poderán iniciarse trala formalización de toda a tramitación necesaria e estará rematada antes de que finalice este ano.

··· Conta cun investimento de arredor de 200.000 euros que proporcionará unha mellora na calidade e confortabilidade desa área.

··· Estas obras véñense sumar as acometidas no servizo de urxencias do hospital barbanzá que supuxeron un incremenrto dun 40 % da súa superficie grazas a un investimento de 1,7 millóns de euros.

10 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.