Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Contacontos, teatro e música entre Tapia e Bugallido de xullo a agosto

O pregón de Federico Pérez Rey chegará o día 7 // Tamén actuarán entre moitos outros La Nasa, sen esquecer o circo, a Foliada de Apego e galas da Nabiza Girl ou Urdime

Volve por segundo ano Seráns de Ames, un programa cultural cheíño de música, contacontos ou teatro que engade á de Tapia unha nova sede: o campo da festa de Bugallido. Vén organizado pola concellaría de Cultura, en colaboración da de Mocidade e Normalización Lingüística, e suma dez actividades que se reparten de forma equitativa entre ambas parroquias, todos os xoves de xullo e agosto a partir das 19.30 horas.

Deste xeito, as actividades comezarán o xoves 7 de xullo, ás 19.30 horas, coa lectura en Tapia do pregón inaugural da programación, que realizará o actor e veciño de Ames Federico Pérez Rey, e coa actuación deseguido da charanga Os Celtas. O xoves 14 de xullo será a quenda de Bugallido, co concerto de La Nasa ás 20.00 horas, mentres que o xoves 21 Tapia acollerá o espectáculo de danza-circo SU.MA, ás 19.30 horas. Para pechar xullo, o xoves 28 desenvolveranse en Bugallido dúas sesións de narración oral, A bibliotecaria estrafalaria, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, e Nabiza Gir, de Isabel Risco (19.30 horas).

Xa en agosto, o xoves 4 terá lugar na praia fluvial de Tapia a proposta de teatro na rúa A illa sen tesouro, da compañía Ghazafelhos. Pola súa banda, o xoves 11 ás 19.30 horas, o campo da festa de Bugallido celebra a sesión de contacontos Conto contiño, con Bibiana Calvo e Divina Fernández, e o espectáculo de teatro na rúa A tropa do Doutor Milagre, de Urdime. As actividades en Tapia rematarán o xoves 18 coa Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19.30 horas. Por último, a programación remata o xoves 25 en Bugallido, cunha actuación de maxia ás 20.00 horas.

En caso de choiva, as actividades da praia fluvial de Tapia moveranse á casa da cultura de Bertamiráns, mentres que as do campo da festa da localidade de Bugallido desenvolveranse no local social da propia parroquia.

APERTURA. Abriu a presentación, no campo da festa da parroquia debutante, a edil de Cultura Natividade González, que destacou o traballo entre áreas para realizar programas de calidade. “Fai un ano nacía este proxecto con moita ilusión, co que queríamos levar a cultura ao rural de Ames, e naquel momento apostamos pola parroquia de Tapia, que contou non só con ese público consolidado que xa ten, senón que con outros veciños e veciñas doutras parroquias e núcleos que se achegaron. Debido ao éxito dese programa, decidimos vir á parroquia de Bugallido e ver como funciona aquí esta programación na que tanto cremos. É moi importante ter actividades transversais e traballar entre departamentos nun Concello como Ames”, con “moita cultura e ocio”.

Pola súa banda, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou do mesmo xeito a transversalidade e a posta en valor do rural que se fai levando actividades ás parroquias. “Estou encantada pola transversalidade e de sumar unha parroquia máis aos Seráns de Ames. En concreto, que sexa Bugallido, situada entre as dúas vilas de Bertamiráns e do Milladoiro, paréceme unha proposta moi interesante”, non só por achegar a cultura ao rural, senón por atraer xente das urbes, para que se desprace.

29 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.