Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Continúan os traballos de mellora da accesibilidade entre Rego e Costa Grande

Estase a actuar no mobiliario urbano, vías e beirarrúas desta zona do Milladoiro // Investíronse preto de 100.000 euros

As vías, beirarrúas e o mobiliario urbano de O Milladoiro e Bertamiráns están en pleno proceso de reformas. O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, acompañado dos concelleiros de Urbanismo e Rural, Víctor Fernández e Santiago Márquez, realizaron dúas visitas para comprobar o avance das actuacións en ambos núcleos.

Deste xeito estiveron na zona entre a rúa do Rego e a rúa Costa Grande, no Milladoiro, na que se investiron preto de 100.000 euros para mellorar a accesibilidade do espazo público, actuando no mobiliario urbano, vías e beirarrúas. Xunto a estes traballos tamén están en marcha os da Horta de Abaixo, en Bertamiráns. Ambas actuacións, incluídas no plan POS 2021 da Deputación da Coruña, teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade das rúas amesás e o estado e a funcionalidade dos espazos comúns públicos.

Así, na zona leste do Milladoiro, á altura da rúa Costa Grande, están en marcha varias obras de mellora da accesibilidade, que irán dende a rúa do Rego ata a travesía do Porto, e que foron adxudicadas á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por, concretamente, 99.934,83 euros. Nesta área, actuarase sobre diferentes partes do mobiliario urbano, así como nas vías para vehículos e peóns.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “o Goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo da planificación iniciada no mandato anterior coa que se realizaron varias obras. A través destas obras conseguimos crear un sendeiro accesible que comunica a parte baixa do Milladoiro coa parte máis alta, facilitando deste xeito a comunicación e accesos para as persoas con problemas de mobilidade”.

BERTAMIRÁNS. Como xa se indicou, non só O Milladoiro está a ser obxecto de melloras nestos meses de calor. E é que na urbanización de Horta de Abaixo, en Bertamiráns, estase a executar un proxecto de reurbanización, adxudicado á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL por un importe de 269.897,57 euros. Deste xeito, realízanse traballos de mellora da accesibilidade, actuando sobre os pavimentos, sendas interiores e beirarrúas.

Ademais, aproveitarase para renovar o alumeado público, limpar e sanear muros e pavimentos, renovar a zona de xogos ou incorporar mobiliario público. O obxectivo do proxecto é, segundo indican dende o goberno local, mellorar a accesibilidade destas rúas, facendo que poidan ser ocupadas e utilizadas por todas as persoas.

Por certo que as obras que se están a ver en Ames este verán chegan ata a mesma praia fluvial de Tapia, na que se adxudicaron os traballos para renovar o muíño e os vestiarios. Neste caso, iso si, será tralos meses de calor.

máis datos
adaptan as rúas a todos

··· O obxectivo das obras de Horta de Abaixo é facilitar o tránsito por estas rúas a toda a veciñanza, independentemente da súa condición e do seu nivel de mobilidade, ademais de mellorar o estado e a funcionalidade dos espazos comúns públicos.

··· No caso do Milladoiro tamén a accesibilidade é o punto de partida. É por iso que se están a crear varios vaos e ramplas, que se están a adaptar para cumprir as normativas de accesibilidade.

··· Ambas actuacións supoñen un investimento total de 370.000 euros.

06 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.