Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MAR. Os cambios rexistráronse nos pósitos de Corme, Laxe e no de Cabo de Cruz, onde Jesús Pérez, tras un empate, accediu ao cargo por ser o socio máis antigo // Desde Caión ata Rianxo non hai ningunha patroa maior TEXTO M. Lavandeira - Suso Souto

Continuidade nas confrarías e tan só tres novos patróns maiores nos portos de Área

Un total de corenta e oito patroas e patróns maiores das confrarías galegas renovaron o seu cargo tralas terceiras elección unificadas destas entidades. Nos outros catorce pósitos houbo relevo á fronte das directivas que asumiron a súa xestión para esta nova lexislatura.

Polo que respecta ao litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo, só se produxeron tres cambios e non hai ningunha muller co cargo de patroa. En Corme (Ponteceso), Juan Luis Novo Torrado tomou o relevo como patrón maior en substitución de Roberto Vidal, que pasa agora a ser o presidente da Agrupación de Percebeiros, namentres que en Laxe asumiu o cargo Luis Suena Amigo, despois da xubilación do seu antecesor, Manuel Villar. Suena é a primeira vez que pasa a formar parte do cabildo “polo que aínda estou poñéndome ao día”, afirmou.

En vindeiras datas haberá reunión da nova directiva do pósito laxense “e aí veremos cal é a situación da confraría”. O obxectivo, engadiu, “é manter o que vai ben e tratar de mellorar, na medida do posible, aquilo que sexa preciso”, afirmou.

Pola súa banda, na confraría boirense de Cabo de Cruz, un empate entre os candidatos desembocou na elección en xunta xeral do socio máis antigo como novo patrón maior. Trátase de Jesús Pérez Dieste, quen inicia o seu mandato cun conflito encima da mesa que veu motivado por un recente enfrontamento entre mariscadores (os de a pé acusaron ós de a flote de invadir as súas zonas de traballo).

Pérez sinala que “o balizamento fíxoo a Xunta en 2006 en base ó acordo das dúas agrupacións de mariscadores” e que “polo tanto, é legal e hai que cinguirse a el”. Con todo, é sabedor de que “o diálogo é a base de calquer acordo, e por el aposto”.

A confraría de Cabo de Cruz é unha das máis problemáticas da ría de Arousa, pero o novo dirixente do pósito di que “os conflitos sempre son os mesmos”. Respecto ó furtivismo, a gran lacra do sector marisqueiro, considera que “aínda que a situación mellorou nos últimos anos, é preciso dispoñer de máis vixiantes no verán (agora temos oito)”.

Asimesmo, cre necesario “que a lonxa sexa máis áxil, para que o marisco non esté tanto tempo nela”. Neste sentido tentará conseguir máquinas clasificadoras.

No resto de confrarías repiten os patróns maiores que xa estaban no cargo: Urbano Suárez Canosa, en Corcubión; Manuel Martínez Escarís, en Fisterra; Mariano Louro Lago, en Lira; Daniel Formoso Moledo, en Muros; Miguel Antonio Franco Parada, en Palmeira; José Héctor Morgade Carracedo, en Caión; José Antonio Pérez Sieira, en Ribeira; Pedro Pérez Martelo, en Malpica; Isaac Gaciño Santos, en Portosín; Marcos Pasantes Alborés, en Camariñas; José Juan Bermúdez Tajes, en Camelle; Enrique Maceiras Fernández, na Pobra do Caramiñal; Miguel Ángel Iglesias Romero, en Rianxo; Daniel Castro Fernández, en Muxía; Fernando Manuel Siaba Espasandín, en O Pindo; Santiago Cruz Martínez, en Noia; e Emilio Queiruga Santamaría, en Porto do Son.

A duración do mandato, tanto da patroa ou patrón maior como do resto de órganos da confraría, será de catro anos, podendo ser reelexidos por períodos de igual duración.

O PROTAGONISTA
“Hai que tentar aguantar do que temos”
Juan Luis Novo Torrado
Patrón maior da confraría de Corme

O novo patrón maior de Corme, Juan Luis Novo, xa formaba parte da xunta directiva do cabildo dende hai varios anos, e foi presidente da Agrupación de Percebeiros, cargo que asume agora o patrón saínte, Roberto Vidal. “O obxectivo e tentar aguantar do que temos e seguir mellorando”, afirma Novo, quen quere darlle continuidade á liña de traballo emprendida polo seu antecesor no mandato pasado, e no que conqueriron que se dotase ao porto cormelán “dunha grúa e dun conxelador”, lembra Novo.

{ Pasaba por aquí }
Un sector en alerta
Manuel Lavandeira

Á vista dos resultados das eleccións nas confrarías de pescadores ben podería pensarse que reina a “calma chicha” no sector, pois na maioría dos portos apostouse pola continuidade dos seus representantes, un sinal de confianza no labor que veñen desenvolvendo. Mais a pesca e o marisqueo son dous sectores en permanente alerta, e non só no que se refire ás condicións meteorolóxicas e mariñas, senón tamén polos continuos cambios normativos e as múltiples cotas e limitacións que lles veñen impostas e que condicionan a súa actividade diaria. Quizáis por iso, a maioría dos profesionais avogan por conservar e manter o que xa teñen ca esperanza de que o mar siga sendo, por moito tempo, o seu medio de vida.

04 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.