Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Chega ao programa Apego unha sesión de narración oral da man de Raquel Queizás e a ra Nano // Será o vindeiro xoves e está dirixida ás crianzas de entre un e catro anos // As propostas continuarán o resto do mes, en novembro e decembro // A seguinte actividade é o Festival de maxia TEXTO Claudina Estévez

Contos e música para os amesáns

As actividades do último cuadrimestre do programa Apego de Ames continúan cunha sesión de narración oral, O xogo de Nano, protagonizada por Raquel Queizás e a ra Nano. Trátase dun conto musical para coñecer o corpo ao ritmo da música e favorecer a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención dos máis pequenos. A proposta, dirixida a familias con nenas e nenos de 1 a 4 anos, terá lugar o xoves, 13 de outubro, ás 18.00 horas, na casa da cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse ata o martes, 11 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal , no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade dos nenos e nenas que asisitirán.

O xogo de Nano é un conto musical para aprender as partes do corpo ao ritmo da música e da man dunha ra moi especial. A través das aventuras e das pequenas historias de Nano, favorecerase a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención, ao tempo que se estimulan as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade das crianzas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico antes indicado, iso si, non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando sempre a orde de recepción das solicitudes.

Seguirá a programación neste mes de outubro. Farao co Festival de maxia, previsto para o venres 21, sábado 22 e domingo 23. Desenvolverase nas casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Serán tres días cargados de maxia con obradoiros, espectáculos e galas máxicas. Asemade, o venres 28, terá lugar na casa da cultura de Bertamiráns a preestrea do novo disco de Pakolas, nun concerto cheo de humor no que os máis pequenos e pequenas poderán aprender, cantar e gozar a ritmo roqueiro. O programa continuará asemade nos meses de novembro con máis propostas similares, e en decembro coa visita do Apalpador. Non hai que esquecer que tamén se desenvolven contacontos nas bibliotecas ata o mes de decembro, que levan por nome Contacontos nas bibliotecas e que teñen lugar os martes tanto na do Milladoiro como na de Bertamiráns. Están dirixidos aos pequenos de entre 3 e 4 anos de idade.

O PROGRAMA
Para toda a familia

··· Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar desta maneira a crianza dos pequenos.

··· As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario Súmate ao Apeg ; na páxina web apego.gal , escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou ben chamar ao número de teléfono 662 377 215.

··· O programa continuará tamén en novembro coa proposta de contos e música Historias con susto para durmir a gusto. Tamén co festival de cine internacional infantil e familiar, e con dous proxectos máis de actuacións de contos e cancións. No mes de decembro, o do Nadal por excelencia, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertermiráns a visita do Apalpador. Asemade están en activo contacontos nas bibliotecas durante este mes, novembro e decembro.

10 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.