Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Convenio para mellorar o abastecemento de auga potable en Coristanco

Renovarán a antiga estación de tratamento cunha aportación de 613.000 € da Xunta

Coristanco. O Consello da Xunta autorizou este mércores o convenio de colaboración co Concello de Coristanco para a mellora do sistema de abastecemento do municipio coruñés, que suporá un investimento de máis de 765.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as actuacións nun 80%, achegando preto de 613.000 euros, ao tempo que apoia tecnicamente e asesora á entidade local na execución dos traballos para acadar o funcionamento efectivo da potabilizadora no prazo máis breve posible.

Pola súa banda, o Concello contribuirá ao financiamento do 20% restante e asumirá a execución das obras para a mellora das instalacións de abastecemento municipal. Desde 1989 contan cun sistema de abastecemento que lle dá servizo ao redor dun 60% da poboación do municipio. Debido a antigüidade da estación de tratamento de auga potable e ao seu uso intensivo, as instalacións presentan deficiencias e precisan adaptar o seu funcionamento aos estándares actuais.

A isto súmase que o pasado 4 de febreiro produciuse unha avaría na estrutura do falso chan do sistema de filtración que implica unha perda do 50% da súa capacidade e un risco elevado de perder o outro 50% por sobrecarga. O 16 de febreiro informouse, novamente, doutra avaría na parte hidráulica do bombeo de alta, quedando operativa unha única bomba que non garante o caudal suficiente para abastecer o consumo da poboación.

Ante a situación de risco de quedar sen abastecemento municipal, o 17 de febreiro a entidade local declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora municipal, ordenando a súa execución no prazo máis breve posible.

O acordo autorizado hoxe polo Executivo autonómico dá así resposta á solicitude do Concello de apoio e colaboración na execución das actuacións necesarias para solucionar as deficiencias das instalacións, para poñer fin ás interrupcións no servizo municipal de abastecemento de auga e outros inconvenientes que restan calidade ao servizo de auga para o consumo dos veciños.

Cómpre lembrar que en xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei de medidas de garantía do abastecemento ante episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, na que se obriga garantir o servizo axeitado de abastecemento á poboación en episodios de seca, algo que tamén se tivo en conta para atopar a solución máis adecuada para garantir o abastecemento de auga en Coristanco ao longo de todo o ano.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

26 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.