Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Costa da Morte. Senda Nova segue apostando pola posta en valor do patrimonio inmaterial, a cultura e o medio natural // Vinte e cinco familias xuntáronse en Oza para dar a benvida á décimo primeira edición da Escola Ambiental TEXTO M. Lavandeira

Conversas e percorridos polo rural noutro Inverno Ancestral en terras bergantiñanas

Un magosto, no que participaron preto de trinta persoas, foi o punto de partida do sexto Inverno Ancestral que promove a Asociación Senda Nova, que pretende poñer en valor a cultura e o medio natural, poñendo énfase no patrimonio inmaterial.

Despois de degustar castañas, pan de ovo, tarta e licores, o 17 de decembro presentarase o documental O esforzo da subsistencia, elaborado a partires das gravacións que compoñen as Historias de Inverno de Senda Nova. Trátase dun documental gravado en 21 parroquias das comarcas de Terra de Soneira e Bergantiños no que se avalían os traballos realizados polas persoas narradoras a medidados do século XX. A presentación terá lugar no Espazo da Natureza de Oza, a partir das 12.00 horas, e están convidados marradores e presentadores dos diferentes encontros.

O Inverno Ancestral inclúe tamén un ciclo de Conversas do Rural, coa participación de Jesús Vázquez, do Movemento en Defensa de Baldaio; Antonio Castro, investigador de Ferreira (Coristanco); e Lois Guillín, veterinario do rural. Serán encontros informais con estes persoeiros, que terán diferentes visións e aportacións da súa actividade nas diferentes áreas. Terán lugar os días 25 de novembro, 30 de decembro e 13 de xaneiro, tamén en Oza. E a participación é totalmente libre.

Outro apartado estará adicado ao aforro enerxético a través de dúas accións vinculadas á enerxía solar fotovoltaica. A primeiras delas será unha charla de iniciación (10 de decembro ás 10.00 horas no Espazo de Natureza de Oza), e a segunda terá formato de obradoiro, no mesmo lugar e horario. Neste caso será necesaria a inscrición previa (35 euros).

Ademais, Senda Nova acompañará ao Apalpador na súa visita –xunto cos Espías no Bosque– prevista ás escolas rurais da comarca entre o 12 e o 16 de decembro.

O colectivo ambiental tamén celebrará o Día Internacional dos Humidais, como é tradicional, no Esteiro do Anllóns. Será o 4 de febreiro, e os participantes percorrerán os puntos máis interesantes dun dos espazos da zona de máis valor ornitolóxico. Hai que inscribirse con antelación.

Asemade, Senda Nova sacará un novo número da revista Abrindo Camiño, que pon o foco “nas desfeitas que ameazan o noso rural máis próximo, así como as iniciativas interesantes de posta en valor dos recursos naturais e culturais da zona”, segundo o colectivo que preside José Manuel Menéndez. A presentación será o 25 de febreiro (ás 12.00 horas no Espazo de Oza).

ESCOLA. Por outra banda, o pasado sábado 25 familias déronse cita en Oza para dar a benvida a outra edición da Escola Ambiental de Senda Nova.

Nenos e nenas de diferentes centros de ensino de Carballo, acompañados dos seus pais e nais, e de membros de Senda Nova e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, iniciaron unha nova xeira de actividades a prol do aprendizaxe no medio.

A partires de agora, a rapazada anotada terá sesións semanais todos os sábados. Parte delas desenvolveranse no propio Espazo da Natureza de Oza e outras terán formato de excursión aos lugares de maior interese ambiental da bisbarra.

O proxecto alongarase ata entrado o verán despois de ter máis de vinte sesións de aprendizaxe, onde tamén destacarán as saídas ao medio, as pernoctas ao aire libre, os obradoiros de pegadas ou mesmo a horta ecolóxica.

Os apuntamentos, segundo sinalan dende o colectivo, seguen abertos para a rapazada de 3º a 6º curso de Primaria dos centros educativos do Concello de Carballo.

24 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.