Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 09 diciembre 2021
01:14
h
Deputación e Concello porán solución ao impacto ambiental que ocasiona esta instalación deportiva na ZEC Monte e Lagoa de Louro // O proxecto inclúe unha zona de lecer acorde á paisaxe da zona // Investirán 168.430 euros TEXTO M. Torres

Conversión do campo de fútbol de Lariño nun gran espazo verde

A Deputación da Coruña e o Concello de Carnota financiarán con preto de 170.000 euros as obras para converter a contorna do campo de fútbol de Lariño nun gran espazo de lecer acorde ao valor paisaxístico e medioambiental da Zona Especial de Conservación (ZEC) Monte e Lagoa de Louro onde se atopa.

Co obxectivo de asinar o convenio para a reforma, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse onte co alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido. Posteriormente, ambos visitaron o lugar onde se executará a actuación e explicaron os plans do goberno municipal para a recuperación ambiental deste espazo.

Ao respecto, o mandatario local sinalou que a finalidade “é recuperar a zona para o lecer da veciñanza, cun proxecto respectuoso co medio ambiente e acorde co entorno, que axude a pór en valor a beleza paisaxística da zona”. O rexedor agradeceu a colaboración da Deputación para financiar esta intervención, que completará ca que se levará a cabo para restaurar o faro de Lariño, no que xa se está a actuar para dedicalo a uso hostaleiro.

A institución provincial apoiará a renovación deste equipamento, exemplo de feísmo urbanístico dos anos 70. “Imos derribar todo o que está feito para recompoñelo e crear un espazo lúdico adaptado ao medio”, indicou o presidente, que tamén destacou que as obras que se están a acometer no faro permitirán dar lugar “a un centro de xeración de emprego e de dinamización turística, que vai crear catorce postos de traballo”. Asemade, González incidiu na necesidade de poñer en valor este emprazamento, que é visitado “por miles de persoas que están vindo desde toda Europa constantemente á Costa da Morte”.

O orzamento do proxecto ascende a 168.430 euros, dos que a Deputación achegará 121.000 €, o 72 %.

Por outra banda, Valentín González aproveitou a viaxe para visitar o concello de Fisterra, onde xunto co alcalde, José Marcote, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, participou nunha reunión coas traballadoras da área social e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da localidade para interesarse polo traballo que realizan e as súas necesidades.

Durante o encontro, o presidente da administración coruñesa apuntou que o SAF “é un servizo esencial para garantir a atención aos maiores e dependentes nos concellos máis pequenos” e explicou que o apoio da Deputación permite aos municipios da provincia contratar durante este ano a 180 profesionais especializados no eido social e financiar 368.548 horas de axuda no fogar, 77.000 máis que en 2020.

No caso das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, a mencionada institución inviste no presente exercicio máis de 4 millóns de euros en reforzar os servizos sociais. Deles, 2,4 millóns proceden do Fondo Social do Plan Único e 1,6 millóns do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que permiten a contratación de 35 profesionais e a prestación de case 75.000 horas do SAF.

Finalmente, González resaltou que a achega da Deputación para financiar a axuda a domicilio é de 12 euros/hora, moi superior aos 9,7 euros/hora que dispón a Xunta, que “mantén conxelada a súa achega desde 2016, o que ocasiona unha importante carga económica para os concellos, xa que non cubre nin a metade do prezo dun servizo que a día de hoxe costa arredor de 18 euros/hora, o que obriga aos concellos a asumir a outra metade”, afirmou ao respecto o presidente.

“O proxecto contribuirá á integración visual da zona”

Segundo comentou onte o alcalde de Carnota, o socialista Juan Manuel Saborido Rama, durante a visita á zona onde se executarán as obras, os traballos incluirán a demolición da totalidade do peche perimetral e das tres edificacións auxiliares, que se atopan semidestruídas, co obxectivo de contribuír á integración visual da zona onde se atopa o campo de fútbol.

Neste sentido, o rexedor carnotán informou de que “na nova contorna executarase un parque con sendeiros dunha anchura de entre dous e tres metros. Instalaranse tamén dezasete bancos, plantaranse vinte e dúas árbores e construirase unha pista de pádel”.

Ademais, o proxecto permitirá dotar ao espazo dunha varanda de 120 metros de madeira de pino. Tamén se procederá á revexetación de noiros e explanadas. Por último, acondicionarase o acceso principal a este renovado espazo con tarefas de pavimentación da estrada autonómica.

20 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.