Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ESTADÍAS LINGÜÍSTICAS. Estudantes de 18 centros da zona mellorarán a súa expresión oral no idioma de Shakespeare acudindo a un campamento en quendas dunha semana // Participarán en actividades de índole cultural, artística, social e ambiental TEXTO S. Souto

Convivirán en inglés 382 alumnos da comarca co programa Spring Week

Preto de 1.500 estudantes de 69 colexios e institutos de toda Galicia participarán esta primavera no programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño. No listado dos centros participantes (no que hai 28 da provincia da Coruña, 13 da de Lugo, 7 da de Ourense e 21 da de Pontevedra) figuran 18 pertencentes ó territorio de Área.

Son o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños (25 alumnos de 4º da ESO); o IES Fernando Blanco de Cee (11 alumnos de 4º da ESO); o CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón (25 de 3º da ESO); o IES Plurilingüe A Cachada de Boiro (25 de 3º da ESO); o IES Ramón Caamaño de Muxía (25 de 3º da ESO); o IES Plurilingüe Fontexería de Muros (25 de 3º da ESO); o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis (16 de 3º da ESO); o CPI do Progreso de Catoira (25 de 2º da ESO); o IES de Brión (25 de 2º da ESO); o IES de Arzúa (25 de 2º da ESO); o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas (25 de 2º da ESO); o IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín (25 de 2º da ESO); o IES Laxeiro de Lalín (25 de 1º da ESO); o CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal (25 de 6º de Primaria); o CEIP Plurilingüe de Sobrado-Nebra de Porto do Son (5 de 6º de Primaria); o CEIP Plurilingüe de Outes (22 de 6º de Primaria); o CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba (25 de 6º de Primaria); e o CEIP Plurilingüe de Artes, do Concello de Ribeira (3 de 6º de Primaria). En total, participarán 382 alumnos da comarca.

O programa, que está dirixido a estudantes de 6º curso de Educación Primaria e de toda a etapa de ESO de centros públicos que o solicitaran, desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia durante sete días, e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán ao redor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segungo aparece recollido nos obxectivos de desenvolvemento sostible previstos para a Axenda 2030.

Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83 millóns de euros ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.

A primeira quenda, para estudantes de 4º da ESO, será do 16 ó 22 de abril. As seguintes serán do 23 ó 29; do 30 de abril ó 6 de maio; do 7 ó 13; do 14 ó 20; do 21 ó 27; do 28 de maio ó 3 de xuño; do 4 ó 10; e do 11 ó 17.

o protagonista
“En Primaria, o nivel do idioma é medio”
Mariano Muñiz Blanco
Profesor de Inglés do IES boirense A Cachada

Mariano Muñiz, profesor de Inglés do IES A Cachada de Boiro (un dos centros seleccionados para o Spring Week) sinala que “trátase dun programa moi interesante para o alumnado, e supón unha oportunidade de profundizar na aprendizaxe do inglés nun ambiente lúdico e distendido, relacionándose con estudantes doutros centros”.

Muñiz destaca a conveniencia de que os alumnos dispoñan de actividades para ampliar os seus coñecementos dese idioma, “sobre todo para practicalo de xeito oral”. Neste sentido, considera que “en liñas xerais, o nivel de inglés en Primaria é medio, algo que non é achacable ó profesorado, senón a unha serie de características condicionantes por parte do alumnado, de tipo social, cultural, económico...”. Iso si: tamén cre que a ratio de alumnos por aula debería ser inferior. “Eu teño 29, e o ideal serían 15 ou 20”, dixo.

{ a letra pequena }
Extramuros
Suso Souto

A ESTRATEXIA Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (EDUlingüe) ten, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo polo menos dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Nesa liña, a Xunta aposta polo programa Spring Week, que procurará a inmersión activa en lingua inglesa do alumnado de xeito que lle permita desenvolverse nunha contorna real, así como o fomento da convivencia e o respecto polas diferenzas individuais. É o fomento deses valores transversais, máis alá da finalidade lingüística, o que lle outorga a esta actividade extramuros un valor engadido dende o punto de vista educativo.

09 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.