Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conxura poética contra os xigantes eólicos nos Penedos de Pasarela e Traba

Será o sábado, día 22, ao pé da Pedra Multiforme // En Carballo e Berdoias alzáronse voces en contra dos megaproxectos que tramita o Ministerio de Transición Ecolóxica

Dun tempo a esta parte é rara a semana que non se coñeza un novo proxecto eólico para a Costa da Morte, e a resposta cidadá comeza a ser tamén múltiple e multiforme. Así, despois de recoller preto de 4.000 sinaturas en Change.org, a plataforma Salvemos Os Penedos promoverá o vindeiro día 22 de maio unha xornada poética, precedida dunha marcha a pé dende Baio (Zas) ata os Penedos de Traba e Pasarela, e que rematará cunha visita guiada polo xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní.

Baixo o lema Poesía polos Penedos, ao carón da Pedra Multiforme, escritores e escritoras da literatura galega, moitos deles vinculados á Costa da Morte, faranse oír en defensa da Paisaxe Protexida que conforma o conxunto xeolóxico dos municipios de Vimianzo e Laxe, xa que podería verse rodeado polos futuros parques Monte Chan e Pena dos Mouros.

Confirmaron xa a súa asistencia Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Helena Salgueiro, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel e Miro Villar. Presentará o acto o escritor, músico e comunicador, Xurxo Souto e a música correrá a cargo do grupo vimiancés Trubisquiñas e o cantautor César Morán.

Ao remate haberá unha ruta polos Penedos, guiada polo xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní, “que conducirá aos visitantes a gozar das singulares formas graníticas que nos mostran algunhas das rochas deste parque máxico”, sinalan..

Aseguran que o recentemente anunciado Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba e a inauguración do itinerario por este espazo natural a iniciativa dos concellos de Vimianzo e Laxe, “son totalmente incompatibles coa instalación de calquera parque eólico na súa contorna, máximo cando estamos a falar dunha Paisaxe Protexida por lei”.

Pola súa banda, a Asociación en Defensa da Costa da Morte, xunto coa veciñanza de Berdoias, concentráronse no adro da igrexa, onde recolleron sinaturas para impedir a construción dun parque que afectará aos concellos de Vimianzo, Muxía e Dumbría.

Tamén esta fin de semana, a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra puxo en marcha en Carballo unhas xornadas informativas para denunciar “o sobredimensionamento das poligonais dos parques eólicos que o Ministerio de Transición Ecolóxica está a tramitar desde Madrid.

Trátase dos parques eólicos Orzar, Tornado, Berdoias e Pedrabante que, ao superar os 50 MW, está a tramitar o Ministerio de Transición Ecolóxica. Aseguran que este “sobredimensionamento asociado a ampliacións futuras das instalacións ten consecuencias sobre a perda da biodiversidade e o aumento de enfermidades asociadas a esta, como o incremento de zoonosis”. Ademais, engaden, supón unha fragmentación “evidente” das explotacións madereiras, forestais e agro-gandeiras da Costa da Morte "e a conseguinte perda da súa base territorial, incompatible coas axudas da PAC".

A asociación Salvemos Cabana denuncia, pola súa banda, que “a realidade demostra, a día de hoxe, o territorio galego afronta un novo Prestige, só que neste caso trátase dun Prestige 3.0 en forma de “aluvión eólico incontrolado froito da burbulla especulativa que vive o sector”.

10 may 2021 / 17:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.