Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 28 noviembre 2022
12:26
h

Corcubión optará por cortar as palmeiras afectadas polo picudo para evitar riscos

Corcubión. Despois de que na fin de semana caese sobre a rúa parte da copa dunha das palmeiras da praza de Castelao, de Corcubión, e ante o perigo que supoñen por estar todas elas afectadas polo picudo vermello, o goberno local optará por cortalas xa que “están moi deterioradas e as empresas especializadas non dan garantías de que os posibles tratamentos vaian ser efectivos, incluso nas que, aparentemente, non están tan danadas”, sinalou o alcalde, Manuel Insua.

Como primeira medida “e visto que era unha urxencia”, operarios municipais, co apoio dun elevador, cortaron todas as ramas das catro situadas na praza, e valaron a zona para previr riscos. En total hai 12 árbores desta especie en espazos públicos de Corcubión, todas elas afectadas polo picudo, e a idea é cortalas, “aínda que isto require dunha tramitación rigorosa e seguir un protocolo para evitar a propagación da praga”, afirmou o rexedor.

“É unha pena”, engadiu, xa que se trata dunhas árbores que, dende hai máis de cincuenta anos forman parte da identidade de Corcubión, “pero ante todo hai que previr riscos”. De momento, o goberno local non ten decidido se volverán a plantar outros exemplares, aínda que “faremos algunha actuación”. A este respecto, Manuel Insua sinala que a intención do seu goberno e acadar fondos europeos para acometer unha remodelación integral da praza de Castelao.

Sinalar ademais, que na vila corcubionesa tamén hai outros exemplares de palmeiras afectados por esta praga, algunhas xa completamente secas, pero atópanse en fincas de titularidade privada, segundo indicou o alcalde.

Pola súa banda, dende a oposición, Sempre Corcubión e o BNG culpan desta situación ao goberno municipal, por non atender “os continuos avisos” sobre a crítica situación das palmeiras. Lois Lado, portavoz dos nacionalistas, asegura que “a conduta do alcalde e de todo o equipo de goberno é lamentable; levan todo o ano cunha actitude de pasotismo total neste asunto”.

06 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.