Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Corenta e sete vidas de ucraínos a salvo grazas á solidariedade da Costa da Morte

Cee. Corenta e sete persoas (mulleres, nenos e nenas) obrigados a fuxir da guerra de Ucraína xa están lonxe das bombas e tentarán refacer, na medida do posible, as súas vidas en Galicia grazas á solidariedade do grupo de negocios BNI Costa da Morte, que financiou a viaxe dun autobús que os foi buscar a Truskavets (Polonia).

Á fronte da expedición estivo o xornalista corcubionés Fran Hermida, quen viaxou acompañado da tamén xornalista Marta Otero, o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez e a psicóloga Cristina Tejedor. Contaron co importante respaldo e a coordinación de AGA Ucraína e tamén da Asociación Íntegro.

“Son xente marabillosa que ata hai sete días tiñan unha vida no seu país como a de calquera de nós, e que agora todo o que lles queda son unhas maletas e unhas mochilas que apenas ocupan unha esquina do maleteiro do autobús”, contaba este sábado Fran Hermida, cando a expedición atravesaba Francia pensando xa na chegada aos que serán, provisionalmente, os seus novos fogares na contorna da Coruña e outros municipios da provincia.

O inglés e o Google Translator están facendo posible e fluída a comunicación cos refuxiados, “que non se cansan de dar as grazas”, afirma Hermida. Os máis pequenos, engade, amosan moito interese polo que van atopar cando cheguen a Galicia e tamén por aprender termos da nosa lingua. “E é que cando hai gañas de comunicarse non hai barreiras”, conclúe.

No grupo de refuxiados veñen nenos e nenas dende dous e tres anos ata adolescentes, unha muller con dous fillos que fuxiu dos bombardeos de Járkov e colleu un tren entre empuxóns para poder facerse un oco cos dous pequenos no colo, un neno de Mariúpol, e un neno ao que lle morreu súa nai e que viaxa cunha avóa..... “Todos veñen de ver o conflito nas portas das súas casas”, subliña Fran Hermida, quen, a pesares de todo, resalta “a actitude e a enteireza coa que veñen, despois de separarse dos seus pais e das súas parellas”.

Coa mirada posta xa na cidade da Coruña, o punto de destino, Hermida afirmaba dende terras francesas que esta experiencia “coido que é a mellor e a máis intensa que tivemos nas nosas vidas todos nós. Cando te vés nun campo de refuxiados e ollas aquelo impacta moito”. En termos semellantes se expresou o fotógrafo Marcos Rodríguez, sinalando que “a experiencia é dura e moi emotiva, pero tamén alentadora. É unha xente moi educada e da gusto estar con eles”.

Unha experiencia que están a compartir tamén a través das súas redes sociais, e que está impactando aos seus seguidores que, ademais de aplaudir a iniciativa, estanse volcando e amosando gran interese por colaborar coa causa “polo que, se isto serve para incentivar que siga medrando a solidariedade, estamos dobremente satisfeitos”, indicou Hermida.

Encontro con Sean Penn

Unha solidariedade que están a amosar tamén recoñecidas persoalidades de diversos eidos. Así o puideron comprobar os integrantes da expedición da Costa da Morte que, á súa chegada a Polonia, atopáronse co actor Sean Penn, que estaba visitando o campo de refuxiados habilitado en Full Market, na cidade de Rzeszow, o cal, no encontro que mativo cos medios de comunicación, louvou a iniciativa do BNI Dolmen Costa da Morte e convidou a seguir o seu exemplo.

27 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.