Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Corenta e un cursos para formar na Costa da Morte a seiscentos desempregados

Impartiranse en Cabana, Carballo, Cee, Vimianzo e Zas // A Xunta finaciará con máis de dous millóns de euros este plan

A Xunta financiará con máis de 2 millóns de euros un total de 41 accións formativas (AFD) que se impartirán en 2022 e 2023 en concellos, centros ou entidades de formación do ámbito de Bergantiños-Costa da Morte coa finalidade de mellorar a cualificación de máis de 600 persoas desempregadas.

Así o confirmou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, nunha visita ao Centro de Formación El Ábaco que impartirá tres destes cursos no Concello de Zas. Carballo será o municipio que acollerá máis ciclos formativos, un total de 28, que serán financiados cunha axuda de 1.390.190 euros, seguido de Cee, onde se impartirán 6 cursos, e neste caso a aportación ascende a 287.147 €. En Vimianzo impartiranse tres cursos (axuda de 196.232 €) e en Cabana de Bergantiños un (77.852 €).

Subliñou que o Goberno galego segue a apostar pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición. Nos cursos son colectivos prioritarios as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e á oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación.

A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras.

Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas en Galicia. A media de inserción durante este tempo acadou o 60 %, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.

XEMPRE CONTIGO. O programa, financiado con fondos do Ministerio de Educación, insírese no Plan Galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77 % con respecto ao exercicio anterior. Este conxunto de actuacións atopan o seu encaixe cun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego no marco da estratexia Xempre Contigo: mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade de galegas e galegos a través da cualificación profesional por medio dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral.

09 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.