Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Contaminación. Todo apunta a que pode ser a causa do brote de gastroenterite que afecta a decenas de veciños // O Concello xa procedeu a vaciar os depósitos para desinfectar a rede // Sanidade abriu unha investigación TEXTO José M. Ramos

Cortado o subministro de auga en Muxía ao detectar bacterias

Aínda que as primeiras analíticas feitas o xoves confirmaban a potabilidade da auga da traída municipal de Muxía, a empresa contratada polo Concello para realizar un estudo máis en profundidade confirmou este venres a “aparición de bacterias nuns valores non axeitados para o consumo directo”, aínda que si se podería empregar para o aseo persoal e para fins similares.

Ata o momento descoñécese a orixe desta contaminación pero, á espera de novas análises, todo apunta que a causa do brote de gastroenterite que afecta a varias decenas de veciños e veciñas da localidade pode estar na mala calidade da auga.

O grupo de goberno que encabeza Iago Toba, coa fin de primar a seguridade e prever males maiores, acordou prohibir o consumo de auga do abastecemento municipal. Procederon ademais ao vaciado de todos os depósitos e á limpeza e desinfección seguindo todos os protocolos esixidos nestes casos. Todos os traballos están sendo supervisados pola empresa especializada neste eido. Acordouse ademais cortar o subministro, “sabendo das molestias que poida ocasionar, ata que se remate con todo o proceso de limpeza e ata que a auga teña valores óptimos para o consumo”, afirman.

Dende a Consellería de Sanidade tamén están a realizar unha “investigación epidemiolóxica e ambiental” ante a sospeita de que o brote de gastroenterite é de orixe alimentario. Os servizos de Epidemioloxía e de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Provincial de Sanidade da Coruña, en coordinación co Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, son os encargados da investigación seguindo o protocolo de actuación.

Fontes da Consellería confirmaron a Efe que se recolleron mostras en distintos puntos da rede de abastecemento do concello de Muxía. Entre outros parámetros, determinarán se se trata de E. Coli, Norovirus o Clostridium Perfringes. Os resultados tardarán en coñecerse un mínimo de corenta e oito horas.

Dende o goberno local aseguran que todas as medidas adoptadas teñen como fin “facer prevalecer a saúde dos veciños e veciñas de Muxía”. Coa fin de garantir o subministro de auga á veciñanza do municipio que se verá afectada polo corte do abastecemento, o Concello contactou con diferentes empresas para facerse con auga embotellada.

Dende o PP de Muxía, a súa portavoz, Sandra Vilela, esixe explicacións ao goberno local. “Estamos falando de decenas de muxiáns intoxicados e temos que saber que foi o que fallou; esta é unha situación gravísima”, afirma. Asegura que xa fai case unha semana que “empezaron a desfilar casos ó hospital”, polo que se pregunta “canto tempo levamos bebendo auga contaminada? Como pode ser que non se detectase ningún problema? Onde estivo o erro para que a auga chegase contaminada ás nosas casas?”.

A portavoz popular lamenta a “falta de responsabilidade” do alcalde “anunciando resultados normais das análises da auga antes de ter os definitivos”. Destaca tamén a “falta de previsión” e dunha alternativa porque “no supermercado xa hai escasez de auga embotellada”. Pregúntase igualmente “como se pode deixar a hoteis, pensións e albergues sen auga en media hora, sabendo que facía días que isto se vía vir?”.

o protagonista
“hoxe vaise restablecer
o servizo”
Iago Toba
Alcalde de Muxía

O alcalde de Muxía, Iago Toba, confirmou que o abastecemento de auga quedará restablecido na madrugada do sábado. “A hora exacta non a sabemos, pois dependerá de varios factores, pero todo fai pensar, se o ritmo de traballo segue igual, que entre as 01.00 e as 02.00 horas recuperarase o servizo”.

O mandatario asegura que en situacións difíciles “unha persoa con responsabilidade ten que tomar decisións duras, moi duras, pero tan duras como necesarias”. Di que todas elas foron adoptadas “pensando no ben común, pero sobre todo na saúde dos veciños e veciñas, o único que agora me preocupa”.

O rexedor muxián di que tivo coñecemento do problema o xoves, polo que convocou “unha reunión de urxencia cos traballadores de augas” para facer unha análise do abastecemento. Púxose tamén en contacto coa directora do Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, e coa Consellería de Sanidade “para coordinar todos os pasos”.

Vendo a gravidade da situación, engade, “decidín paralelamente contratar unha empresa especializada para facer análises máis concretas”. As primeiras ofreceron valores normais, pero “pasadas 24 horas recibimos datos que nos facían desconfiar do resultado dos parámetros” e procederon a adoptar as decisións xa referidas.

Toba quere deixar claro que se puxo en marcha “un protocolo consensuado e avalado pola Consellería de Sanidade”.

{ Pasaba por aquí }
Reforzar os controis
Manuel Lavandeira

OS VECIÑOS e veciñas de Muxía están a vivir unha situación semellante á que hai dous anos viviron en Corme (Ponteceso). Ao igual que na vila da Barca, as alarmas non saltaron ata que se multiplicou o número de afectados por gastroenterite. Isto fai pensar que é necesario reforzar os controis do abastecemento, pois non é de recibo que a xente esté a beber auga contaminada sen que tal situación sexa detectada nas análises rutinarias. De feito, na vila da Barca as dúas primeiras analíticas realizadas por técnicos municipais e unha empresa especializada deron como resultado que a auga era potable. É importante tamén determinar cal é a orixe das bacterias e reforzar os controis de verquidos que poden acabar na rede de abastecemento.

02 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.