Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cortarán ao tráfico o día 23 a estrada de Baíñas polas obras no rego das Touzas

Vimianzo. O Concello de Vimianzo cortará o tráfico a vehículos lixeiros e pesados polo comezo inmediato das obras de construción dunha ODT (Obra de Drenaxe Transversal) na vía que une Baíñas con Dumbría.

Mellorarase tamén a pavimentación con actuacións tanto na súa plataforma como nos elementos de drenaxe. A demora no comezo das obras débese, segundo informa o Concello “a que os permisos por parte de Augas de Galicia e outras autoridades competentes non chegaron ata finais do pasado exercicio 2021, e os condicionantes aconsellaban non executar a mesma en períodos de moita chuvia”. A dirección de obra recomendaba iniciar os traballos a finais de maio.

O Concello de Vimianzo, a través da Policía Local, xa elaborou un plan para ofrecer á veciñanza itinerarios alternativos desde o vindeiro 23 de maio. Os traballos durarán, aproximadamente, 3 meses. Colocaranse paneis informativos para a correcta visualización, sexa cal sexa a dirección de circulación.

Nun primeiro termo, construirase unha nova ponte sobre o rego das Touzas, así como a reparación do firme desta vía nunha lonxitude de 1.100 metros cunha nova capa de aglomerado. O paso sobre a auga está resolto, na actualidade, mediante un marco de formigón, conformando un estreitamento do río neste punto, o que provoca que en época de fortes choivas se asolague a zona. Esta circunstancia supón un grave risco na seguridade viaria, ademais do constante deterioramento do firme.

A prioridade absoluta do goberno local era “actuar xa neste outono”, aínda que non se puido licitar o proxecto debido a que “non contabamos con todos os permisos, polo que non puidemos iniciar o procedemento ata que a parte administrativa quedase resolta”, afirman desde o executivo, enfatizando que “non se adxudicou ata finais de ano e as recomendacións apuntaban en todo caso a non comezar na tempada de inverno”.

“Trátase dunha obra fundamental para a veciñanza tanto de Vimianzo como de Dumbría, tamén para as persoas que empregan esta estrada con fins comerciais e por traballo”, sinala o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, quen afirma que “daremos solución así a unha demanda histórica” e solicita a “comprensión” por parte da veciñanza, dado que “namentres duren os traballos produciranse os conseguintes contratempos tanto para vehículos particulares como comerciais, e aínda que agardamos sexan polo menor tempo posible, pedimos que nos desculpen as molestias ocasionadas”.

08 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.