Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CABANA. Mónica Rodríguez, presidenta de CMAT presentou en Dombate o plan para promover o turismo astronómico en dezasete concellos // Avaliouse a nitidez de observación e a transparencia do ceo nestas comarcas atlánticas TEXTO J. M. Ramos

Costa da Morte camiña cara o Destino Turístico Starlight

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) iniciou de facto no dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) o camiño formal do proceso de solicitude da certificación Destino Turístico Starlight, selo que concede a Fundación Starlight.

A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, entregou de xeito simbólico a application pack que contén o informe da candidatura á directora xerente da referida fundación, Antonia Varela Pérez. Fíxoo no marco das Aulas Científicas 2022 A luz da Ciencia da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana de Bergantiños celebradas no dolmen de Dombate e que trataron sobre A protección do ceo nocturno, Fundación Startlight e contaminación luminosa.

O traballo da asociación comeza cunha descrición xeográfica e detalla a capacidade turística da Costa da Morte. A application pack entregada á Fundación Starlight mostra os estudos astronómicos feitos na zona, sobre todo, os do cálculo de periodos do último solpor da Europa continental e outros sobre orientación astronómica de enclaves megalíticos.

A presidenta de CMAT indica que o “rigoroso” estudo “fai fincapé na especial significación que ten para a Costa da Morte o simbolismo, a tradición e a maxia dos seus atardeceres”. O informe tamén destaca o impacto positivo que podería conlevar a obtención do selo e, ao mesmo tempo, fai unha proposta das novas actividades que poderían levarse adiante no xeodestino vinculadas ao turismo das estrelas.

A parte “crucial” do informe, segundo considera a asociación, é a adicada ás medidas preliminares da calidade do ceo deste territorio. Costa da Morte Asociación Turística xa ten en marcha un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do cal Meteogalicia levou a cabo un estudo da porcentaxe de ceos anubrados/despexados do xeodestino. Tamén será “clave” o grao de escuridade do ceo da Costa da Morte. “Estes resultados determinarán se o noso firmamento ten a escuridade e calidade suficiente para superar o corte e acceder ao selo Destino Turístico Starlight”, indica Jorge Mira, quen sospeita que “este parámetro pode empeorar pola contaminación luminosa xerada por algúns dos principais núcleos urbanos do xeodestino”.

TRANSPARENCIA E NITIDEZ. O estudo impulsado por Costa da Morte Asociación Turística tamén achega medidas de transparencia do ceo e da súa nitidez da observación, a capacidade que hai para poder ver detalles do firmamento.

“Todas estas medidas estivemos e estámolas analizando coa colaboración de varios expertos; creo que serán claves na nosa candidatura”, apunta Jorge Mira. Todos estes informes e os seus resultados incluídos no traballo entregado á Fundación Starlight determinarán se a zona da Costa da Morte “supera un primeiro corte”. Se a avaliación é positiva “pasarase a unha segunda fase, na que a referida entidade enviará aos seus propios auditores e peritos á Costa da Morte para que fagan un estudo definitivo sobre o terreo e, logo do proceso de avaliación, decidan se a Costa da Morte cumpre ou non os requisitos” necesarios para obter o certificado Destino Turístico Starlight, segundo explica o catedrático da USC.

Deste xeito, xa se pode dicir que a carreira para que os 17 concellos que integran o xeodestino Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) obteñan o Destino Turístico Starlight xa comezou. Mónica Rodríguez, tamén alcaldesa de Vimianzo, estivo acompañada no acto celebrado en Dombate dos rexedores de Cabana de Bergantiños, José Muíño; da Laracha, José Manuel López; de Laxe, José Luis Pérez Añón, e o de Fisterra, José Marcote, ademais de varios membros da directiva da CMAT.

Agradeceu “o traballo feito a través de múltiples contactos e consultas durante máis dun ano” por expertos de diferentes ámbitos científicos liderados polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira. “Agradezo a entrega e desinterese deste equipo de profesionais e confío en que pronto poidamos ser recoñecidos como Destino Turístico Starlight”.

Amosou o seu convecemento de que “o noso territorio conta coa idoneidade para incorporarse ao astroturismo”, e tamén valorou “o compromiso para lograr este obxectivo dos dezasete concellos que integran o xeodestino”.

AULAS CIENTÍFICAS. A presentación da candidatura fíxose coincidir coa celebración das quintas xornadas A luz da ciencia, que comezaron o xoves cun ciclo de ponencias e mesas redondas. Abriu o turno de intervencións a directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira senior do Instituto de Astrofísica de Canarias, Antonia M. Varela, quen aportou as claves para a preservación do ceo nocturno e convertelo nun recurso de desenvolvemento sostible local.

Despois, o astrofotógrafo e socio fundador da Agrupación Astronómica Io, ademais de diector do Centro Astronómico de Trevinca, Óscar Blanco Varela falou dos destinos Starlight e a paisaxe do ceo. Pechou a xornada unha mesa redonda sobre o desenvolvemento asociado ás certificacións Starlight e unha observación astronómica dende o chan de Dombate.

As xornadas tiveron continuidade na tarde do venres, cunha conferencia de Xabier Pérez Couto, matemático e investigador en contaminación luminosa, quen alertou da “desaparición da noite” polo efecto dunha excesiva ou mal planificada iluminación das vilas e cidades. Pola súa banda, Susana Malón Giménez, CEO e directora de Lumínica Ambiental, aportou as claves para utilizar a tecnoloxía e a luz artificial nocturna para iluminar sen necesidade de contaminar.

Esta quinta edición das Aulas Científicas, promovidas pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana, pechouse cunha mesa redonda na que os ponentes debateron e preguntáronse como de realistas son as medidas de control da contaminación luminosa.

16 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.