Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Costa da Morte disporá de seis casas do maior que prestarán atención diúrna

A primeira está en servizo na vila de Laxe // Abrirán outras nos concellos de Ponteceso, Camariñas, Muxía, Coristanco e Cee

Seis concellos do ámbito da Costa da Morte disporán de casas do maior que ofrecerán atención diúrna para persoas maiores de sesenta anos. Así o confirmou este luns a conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a súa visita a Colaxe, a primeira das casas que xa está en funcionamento no Concello de Laxe.

Foi dos vinte primeiros centros creados na Comunidade galega e, segundo sinalou, “converteuse nun modelo a seguir nos coidados das persoas maiores”.

As próximas abriranse nos municipios de Ponteceso, Camariñas, Muxía, Coristanco e Cee. Ademais, no ámbito de Área de Compostela foron aprobadas axudas para dotar deste servizo aos concellos de Carnota, Mazaricos, Boqueixón, Frades, Val do Dubra e Tordoia.

A mandataria autonómica sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución da orde de axudas de casas do maior, a través da cal a Xunta creará 355 novas prazas de atención diúrna para galegos con máis de sesenta anos.

Fabiola García, que estivo acompañada polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, destacou que estes pequenos centros de día permiten que os municipios que non contan con recursos de conciliación poidan ofrecer terapias e actividades ás persoas maiores dentro do seu entorno.

Tras o éxito da primeira orde de axudas, o Goberno galego decidiu ampliar a súa extensión para chegar a máis xente. Así, ao amparo da nova orde publicada este luns está previsto crear setenta e un novos centros, dos cales vinte e un estarán ubicados na provincia da Coruña, quince na de Lugo, vinte e seis na de Ourense e nove na de Pontevedra, segundo a conselleira.

NOVIDADES. Nesta nova convocatoria incluíronse varias novidades para tentar de mellorar o servizo que prestan as casas dos maiores. Así, a partir de agora as persoas usuarias non terán por que ter un grao de dependencia recoñecido.

Ademais, pódense solicitar para calquera concello sen recurso de conciliación similar e ofrécense axudas para que as persoas promotoras poidan asumir o desprazamento dos maiores desde e casa aos centros de atención.

20 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.