Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25-N. Cee convida a toda a cidadanía a ser protagonista da campaña de prevención e concienciación // En Carballo involucran ao comercio e a colectivos profesionais do municipio // En Vimianzo presentarase un logo pola igualdade TEXTO José M. Ramos

Costa da Morte posiciónase sen filtros contra a violencia

Escolares, mozos e mozas, maiores, comerciantes, colectivos sociais, deportivos, culturais e profesionais da Costa da Morte unirán as súas voces nestes días para decir “non” á violencia de xénero. Farano de moi diversas formas e a través de múltiples actividades promovidas polos concellos e diversas asociacións.

En Carballo, a Concellaría de Igualdade programou para o día 30 no Fórum unhas xornadas para profesionais nas que se abordará a violencia de xénero dende diferentes puntos de vista. A iniciativa vai especialmente dirixida a traballadores da sanidade, a docencia, as forzas de seguridade, a xustiza, os servizos sociais, entre outras e outros profesionais que traballan con vítimas de violencia de xénero.

A presidenta da Asociación Ilicitana contra a Violencia de Xénero, Marina Marroquí, será a encargada da formación para profesionais dende a perspectiva da vítima. Despois presentaranse as Quendas de atención psicolóxica e social as vítimas de violencia de xénero de Galicia a cargo dos seus coordinadores, Rubén Villar Trenco e Nerea Fernández Gómez. Pechara a xornada a avogada Beatriz Núñez Vázquez, vogal da Subcomisión de violencia sobre a muller do Consello Xeral da Avogación Española, que dará a coñecer as novidades sobre a asistencia letrada ás vítimas.

Nesta loita tamén se involucrará, un ano máis, o comercio carballés. Co fin de chamar a atención e remexer as conciencias, da man do Concello, porán en marcha unha nova campaña baixo o lema En que punto estás contra a violencia de xénero?, que incluirá diferentes actividades destinadas a distintos públicos pero que xirarán arredor dese lema, tratando de identificar violencias das que en moitas ocasións nin as vítimas son conscientes.

Participar é tan sinxelo como utilizar a cor morada para a decoración dos escaparates como mínimo dende o 22 ata o 30 de novembro. Dende o Concello de Carballo completarán esa decoración facendo chegar aos interesados un identificador coa imaxe da campaña, ademais doutro material promocional.

A día de hoxe xa superan os 60 participantes, pero os interesados en sumarse á campaña poden anotarse enviando un correo electrónico cos datos do negocio ao enderezo carballoenrede@carballo.gal.

Pola súa banda o Concello de Vimianzo está disposto a seguir “dando a chapa” contra a violencia e, con tal motivo programou múltiples actividades. Darán comezo o sábado, día 20, coa representación teatral de Costureiras, a cargo de Tarabela Creativa ás 20.30 horas na casa da cultura. As entradas poderanse adquirir en www.woutick.es.

O día 24 de novembro terá lugar a actividade Vinilos 25N, un acto de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira. E o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, o 25 de novembro, o compendio de actos comezará ás 11.00 horas co espectáculo A Cabaleira de Medievándalos, dirixido aos centros de Educación Primaria vimianceses.

Pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar a iniciativa Dando a chapa contra a violencia de xénero, un obradoiro e concurso de elaboración de chapas para a sensibilización. Os premios entregaranse ás 20.00 horas, cando tamén se presentará o logo pola igualdade gañador do concurso Imaxe gráfica para a igualdade, obra de Mateo Calzas Moreira.

Quince minutos despois, ás 20.15 horas, terá lugar a performance Un xardín por (re)construír a cargo de Diana Mera. Ás 20.45 horas, lerase o manifesto contra a violencia na praza do Concello e porá fin ao acto de concentración e conmemoración desta data o minuto de silencio e un xogo de luces que comezarán alumeando a memoria de todas as vítimas e rematarán queimando, e mesmo convertendo en fume, os asasinatos machistas.

Pechará a programación Pedro Brandariz, con Contos pola igualdade o 28 de novembro ás 18.30 horas, comprendidos dentro da programación de Outono Rebuldeiro. As entradas pódense adquirir na mesma semana na casa da cultura ou o día do espectáculo ata unha hora antes.

Pola súa banda, o Centro de Información á Muller do Concello de Cee está a levar a cabo unha campaña integral de concienciación e prevención para a eliminación da violencia de xénero, xa que conta coa participación de diferentes colectivos de persoas participantes, (alumnado dos centros educativos, equipos deportivos, escola de teatro, centro social...). Unha iniciativa que se desenvolve en diferentes formatos (vídeo, audio coas cuñas de radio, deseño gráfico para redes sociais, banner en medios de comunicación...) e que está dispoñible en varias plataformas.

“Nesta campaña quixemos ir un paso máis aló e promover e dinamizar a participación cidadá. Que toda a cidadanía e que toda persoa que queira poida ser protagonista desta campaña, sobre todo dirixida a implicar a xente moza, creando un produto co que eles e elas están moi familiarizados. Por todo isto, creamos un filtro de Instagram que chamamos #senfiltroscontraaviolenciadexénero”, afirma Concepción Millán, directora do CIM ceense.

Anima a todos os veciños e veciñas a usalo para “entre todas e todos promover e visibilizar que somos unha sociedade que quere estar libre de violencias e filtros machistas e discriminatorios”. O filtro xa está dispoñible e listo para usar por todas as persoas que o desexen. “Tan só hai que acceder a Instagram e buscar #senfiltros e xa aparecerá a imaxe que xuntamos”.

ANDAINA NA LARACHA. Na Laracha convidan a participar nesta loita a entidades, establecementos comerciais, empresas e particulares. A campaña impulsada dende o Concello inclúe a instalación de puntos violetas en Paiosaco (día 21), Caión (día 23) e A Laracha (día 25) nos que se ofrecerá información sobre os recursos ao alcance das vítimas e as pautas de actuación ante diferentes supostos de violencias machistas.

Ademais, o día 25 organizarán unha andaina de ida e volta entra A Laracha e Paiosaco (5,5 quilómetros). O programa contempla tamén un documental, unha charla-coloquio e unha obra de teatro.

17 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.