Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Costa da Morte postúlase para ser Destino Starlight de turismo astronómico

Dezasete concellos integran a candidatura // Vimianzo acolleu unha xornada técnica para avaliar e definir os retos do proxecto

Dezasete concellos queren facer da Costa da Morte un territorio de referencia en turismo astronómico e con tal fin sentaron este venres as bases en Vimianzo para optar á certificación Destino Starlight.

Fixérono nunha xornada técnica na que a presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, anunciou que as accións formalizaranse no primeiro semestre de 2022.

A Fundación Starlight é a que promove e certifica a través dunha auditoría os Destinos Starlight, acreditando que un territorio conta cunha excelente calidade do ceo e que traballa e se preocupa pola súa protección e conservación. O certificado conta co aval da Unesco e co apoio da Organización Mundial de Turismo e da Unión Astronómica Internacional. Aúna ciencia e turismo, de xeito que aproveita a astronomía e a observación do firmamento para promocionar un turismo sostible.

A calidade do ceo é o primeiro requisito, e valorase a escasa contaminación lumínica, a claridade, a transparencia do aire e os ceos despexados. Tamén se valoran accións medioambientais para protexer o ceo nocturno e os produtos e a oferta turística vinculada ao turismo de estrelas, así como que o destino dispoña dunhas adecuadas infraestruturas.

O baiés Jorge Mira, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago presentou os obxectivos do proxecto e sinalou que este selo “aporta un toque de distinción ó destino” e subliñou que os visitantes que se sinten atraídos por esta modalidade turística “é xente que aprecia o territorio que visita”. Destacou ademais que se trata dun turismo que favorece a desestacionalización e o visitante ten que pernoctar na zona.

Pola súa banda, a xefa da Área Provincial de Turismo de Galicia, Ana Teresa Cimas, falou dos Destinos Starlight en Galicia (Trevinca e o Parque Nacional das Illas Atlántica), e avogou por “aproveitar as oportunidades que temos para ofrecer un produto diferencial e, sobre todo, experiencias”.

Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo explicou o Procedemento e avalición da acreditación como destino Starlight, namentres que Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da Universidade de Santiago, aportou os motivos polos que paga a pena reducir a contaminación luminosa.

Mónica Rodríguez resaltou que este é un proxecto que exerce como “elemento unificador e diferenciador do xeodestino”, e convidou a todos a “aproveitar esta ocasión” ao tempo que animou a todos os membros da CMAT a seguir esta liña de cooperación para desenvolver novas iniciativas porque “xuntos somos mellores”, concluíu.

Ata a capital de Soneira achegouse tamén o vicepresidente e deputado de Turismo provincial, Xosé Regueira, quen amosou o apoio da Deputación da Coruña á iniciativa, da que dixo que é “un elemento que vai diversificar o produto no xeodestino e tamén permitir seleccionar un perfil de turista de calidade”.

Lembrou que desde o organismo provincial están a traballar “en buscar novos produtos que teñan a sustentabilidade como marca identitaria”, e o selo Starlight “é un produto responsábel, sustentábel e tamén innovador”.

20 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.