Costa da Morte quere equilibrar o turismo entre litoral e interior
Mazaricos xuntou nunha xornada de turismo a ducias de axentes sociais e institucionais ao redor do futuro do sector. No encontro participou tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, quen salientou “o importante esforzo que se está a facer neste territorio en colaboración cos concellos, buscando diversificar produto turístico, mais procurando así mesmo equilibrar interior e costa”.
Lembrou que dende o ente provincial están a traballar dende hai varios anos na reactivación do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Actualmente están a auditar os monumentos megalíticos coa intención de que pasen a formar parte dos patrimonios municipais.
Dous proxectos máis verán a luz en breve. O primeiro afecta aos concellos de Carnota, Dumbría e Mazaricos, e con el, segundo Regueira, “preténdese estruturar un produto de turismo científico, patrimonial e cultural en torno ao Monte Pindo, buscando unha mellor experiencia turística por parte das persoas que visiten o espazo, pero tamén procurando unha maior seguridade e unha maior protección da contorna”.
O outro é a Senda do Xallas, de interese para os concellos de Zas, Santa Comba e Mazaricos, no que a Deputación comezará a traballar no último trimestre deste ano, establecendo as bases de colaboración coas tres administracións municipais.
Xosé Regueira, acompañado polos rexedores de Santa Comba, María Pose, e de Zas, Manuel Muíño, visitou o miradoiro do Enxilde, un dos puntos de paso da futura senda, que terá un percorrido total de sesenta e cinco quilómetros e que discorrerá por diferentes espazos naturais pola beira do río Xallas.
No encontro tamén participaron a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, quen valorou a importancia da experiencia que perciben os turistas e fixo un chamamento ás administracións “a unir esforzos pola excelencia”, e o presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen animou a profundizar na marca Costa da Morte Terra Atlántica, que impulsou o grupo de desenvolvemento para os produtos da zona.
Pola súa banda, a presidenta do CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, parabenizouse polo traballo conxunto que levan a cabo todos os concellos da Costa da Morte afirmando que “é fundamental”.
Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, salientou o peso do sector turístico en Galicia e, ademais de agradecer os esforzos da Xunta, da Deputación e dos concellos, convidou a difundir o destino nos mercados internacionais con contundencia agora que se está a recuperar certa normalidade.
Ao acto sumouse tamén a xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, quen salientou a fortaleza do xeodestino e o desenvolvemento dunha marca común. Expuxo como un dos segredos do éxito a innovación constante e o coidado pola marca e a súa presenza pública e dixital, así como o desenvolvemento de novas ferramentas para facilitar a visita.
Asemande, á cita acudiron alcaldes e representantes doutros concellos, como Fisterra, Outes, Malpica, Ponteceso, Camariñas, Laxe, Zas, Santa Comba, Vimianzo ou a Baña.
Alcalde de Mazaricos
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, puxo en valor o modelo turístico “de proximidade e moi ligado ao territorio e á xente de aquí”, fronte a un turismo “de grandes cadeas e escaso valor engadido no lugar”, dixo.
A este respecto, agradeceu a implicación dos hostaleiros e de todos os sectores sociais, así como o traballo levado a cabo dende o Concello, e puxo como exemplo as actividades de promoción de produtos gastronómicos, a presenza de Mazaricos en salóns de turismo internacionais e especialmente, o apoio a iniciativas emprendedoras.
Unha das vantaxes da Costa da Morte é a variedade e multitude de recursos dos que dispón para poder crear unha oferta turística diversificada e de calidade. Uns valores que, lonxe do que moitos poidan pensar, non só se atopan no bordo litoral, senón que se estenden tamén polos concellos do interior. Historia, patrimonio, paisaxes, gastronomía, etnografía e cultura son elementos diferenciadores destas comarcas atlánticas que, agrupadas agora no xeodestino Costa da Morte, tan só precisan dunha axeitada e acertada posta en valor para que esa riqueza e variedade poidan exercer como axentes dinamizadores a nivel cultural, social e económico. Un paso adiante é a unión que se está a forxar nos últimos anos. Esa é a senda a seguir.