Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cruces ratifica o seu compromiso pola igualdade de xénero

O goberno local inicia a elaboración do cuarto plan que pretende ter unha vixencia de 4 anos

O goberno municipal de Vila de Cruces, a través dun comunicado feito público pola alcaldía e a concellería da Muller, vén de ratificar o seu compromiso co establecemento e desenvolvemento de políticas que integren a igualdade de trato e oportunidades de mulleres e homes, “sen discriminar directa ou indirectamente por razón de sexo”, indican, así como apostando “por impulsar e fomentar medidas para conseguir a igualdade real e efectiva e de integración social”.

Segundo explican, este compromiso coa igualdade materialízase co inicio do proceso para a elaboración do IV Plan de Igualdade do Concello de Vila de Cruces. A elaboración deste plan, que pretende ter unha vixencia de 4 anos, conta coa colaboración e financiación da Deputación de Pontevedra, tras a concesión da subvención dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero.

Os plans de igualdade, subliñan, son conxuntos ordeados de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar na administración local a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo. “Todas as administracións locais teñen a obligatoriedade de ter un propio, aplicando así o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes de todas as políticas públicas exercidas dende o concello de Vila de Cruces”, argumentan os responsables da entidade local.

Para elaborar o citado plan, o Concello constituiu esta semana a Comisión de Igualdade, que é a encargada de realizar a diágnose sobre a situación do municipio para así poder establecer un plan de acción acorde ás necesidades deste concello pontevedrés.

Para a realización da mesma, pedirán a opinión e a contribución activa da cidadanía cruceña así como a colaboración de determinados axentes sociais do concello, como os centros educativos e asociacións, a partir dos medios que se porán ao seu alcance.

APOIO PROVINCIAL. A Deputación de Pontevedra pechou en marzo deste ano o prazo para acollerse a nova orde de concesión, execución e xustificación das subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade entre mulleres e homes e para a loita contra a violencia machista durante o ano 2021.

Precisamente a esta orde de axudas, cuxa resolución ten que coñecerse neste mes de setembro, xa que tiña un praxo de seis meses, é a que se acolle o Concello de Vila de Cruces para poder elaborar o que será o seu cuarto plan de igualdade, reforzando así o seu compromiso con este importante obxectivo.

18 sep 2021 / 19:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.