Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARBALLO. O programa inclúe vinte e cinco propostas en forma de teatro, música, danza e exposicións // Dez das actuacións contan co apoio de Agadic // O ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta traerá cinco proxeccións gratuítas TEXTO M. Lavandeira

Cultura con Forza ata o mes de maio na capital de Bergantiños

Vinte e cinco propostas culturais en forma de teatro, música, cine, danza e exposicións encherán de contido o programa Cultura con Forza que se desenvolverá en Carballo ata o mes de maio.

A programación do Pazo da Cultura integra ciclos tan consolidados no panorama lúdico de Bergantiños como os Venres Culturais, a XXI edición de Primavera en Danza, o ciclo de cine árabe Amal en Ruta ou o programa de exposicións, e compleméntase cunha ampla oferta que terá lugar na Biblioteca Municipal Rego da Balsa.

Dez das actuacións de teatro, danza e música programadas contan co apoio da Xunta no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Entre eles, atópase o Pazo da Cultura carballés, ata o que se desprazou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para participar, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, entre outros, na presentación da nova programación, que se completa con outras catro funcións escénicas, exposicións e a mostra de cine euroárabe Amal en Ruta.

Como parte da referida rede, Carballo dispón dun orzamento de preto de 37.000 euros, dos que a Xunta lle achega arredor do 59 % (21.734 euros) para a programación de catro espectáculos de teatro e dous concertos no marco dos Venres culturais do Pazo da Cultura, así como de catro propostas da nova entrega do ciclo Primavera en danza.

As primeiras destas citas terán lugar o vindeiro mes de febreiro co espectáculo musical Lorca, sinfonía del amor oscuro, de Dulzaro, o día 3; a montaxe Arte sen guión, de Galeatro, o día 10; e a proposta para público familiar Cubo, de Elefante Elegante, o día 12. En marzo, actuarán no escenario carballés a cantautora Sheila Patricia (día 3), Talía Teatro con Unha inimiga do pobo (día 10) e Chévere con N.E.V.E.R.M.O.R.E. (día 17).

Os Venres Culturais comezarán o 27 de xaneiro coa función Continente María, de A Quinta do Cuadrante e Ainé producións, e completaranse con Hugo, de Os Náufragos (día 5 de marzo) e con O porco de pé, de PT Excéntricas. Todas os espectáculos comezarán as 21.00 horas.

Tamén se enmarcan na Rede Galega de Teatros e Auditorios catro das cinco pezas coreográficas que se poderán ver na 21ª edición de Primavera en Danza. Trátase de Tabú, de Colectivo Glovo (día 14 de abril), El hijo, de Daniel Abreu (día 24), Nó, de Elahood (día 28) e Bionic, de Entremans (día 29). Completa o cartel Blues de medianoite, de Laboratoiro Escénico Coop.

Cultura con Forza inclúe tamén un ciclo de exposicións, que comezará o venres, día 20 de xaneiro, coa apertura da mostra do XVI Premio Arte Gráfica Jesús Núñez, que poderá verse ata o 16 de febreiro. Despois pasarán polas salas do Pazo da Cultura a exposición do XV Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado (do 23 de febreiro ao 28 de marzo), Xeometrías, do pintor carballés Josecho González (do 2 ao 26 de marzo); e as mostras do XIV Certame de Artesanía Antonio Fraguas (do 14 de abril ao 14 de maio) e do XXV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís (do 27 de abril ao 31 de maio).

A programación compleméntase con diferentes actividades do programa Apego, o acto de entrega de premios Youtubeiras (28 de xaneiro), tres concertos do Conservatorio de Música de Carballo (días 26 de xaneiro, 14 de febreiro e 11 de marzo), o Festival de Varietés (17 de febreiro), o Curruncho Pop 2023 (días 25 de febreiro, 25 de marzo, 6 de maio e 3 de xuño); e a proxección do documental Alegría. Prestige, 20 anos despois do desastre (16 de marzo).

19 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.