Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cursos que formarán a 545 parados de Deza e Tabeirós

A Xunta concedeu á patronal AED e a Agaca dous programas integrais de emprego // Tamén aprobáronse outros 23 AFD

A Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de aprobar a concesión de senllos Programas Integrados de Emprego (PIE) a prol da Asociación de Empresarios de Deza (AED), da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e de 23 cursos AFD de formación para desempregados a impartir nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de 1,5 M€.

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou este xoves da aprobación destas novas iniciativas laborais para estas dúas bisbarras do interior, que “mellorarán a empregabilidade e favorecerán a inserción e a aparición de oportunidades de traballo” para ata 545 persoas desempregadas da zona.

O PIE outorgado á Asociación de Empresarios de Deza, que dá continuidade á edición actualmente en vigor e que se clausurará nuns días, conta cun novo investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 35 % entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de empresas da contorna co único obxectivo de que os participantes atopen un posto de traballo.

Ademais, a bisbarra tamén se vai beneficiar do PIE outorgado a Agaca, coa mesma duración, cifra de participantes e investimento que o da AED, e que delimitou o seu ámbito territorial aos municipios de Lalín e Rodeiro xunto con outros catro da provincia de Lugo nos que tamén ten un importante peso laboral o sector primario.

Por outra banda, os 23 cursos AFD de formación para desempregados en Deza e Tabeirós están a comezar ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de maio, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas dependendo do contido. A distribución por concellos inclúe 15 actividades en Lalín, 7 na Estrada e unha en Silleda.

En total serán cinco as entidades que impartirán estas actividades nas bisbarras. As empresas, colectivos ou institucións encargados desta formación son Fundación de Estudos e Análises (Fesan), Instituto de Formación Profesional da Estrada, Academia Paidos, Autoescuela España e José Lago.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.