Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Curtas de Alemaña e España arrasaron no Festival Cinema Miúdo

Superáronse o medio cento de obras cinematográficas de todo o mundo // Repartíronse ata 1.400 euros en premios

Uns 650 rapaces, pero tamén nais e pais, pasaron polas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro na pasada fin de semana para gozar da cuarta edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, Cinema Miúdo, o único en Galicia especializado en público infantil e familiar. E no que atinxe aos galardoados, figuran Voa, do director Carlos Gómez-Mira Sagrado (España); Folla en Branco, do realizador Bastian Eipert (Alemaña); Eu, un Monstro?, da directora Belinda Bonan (España) e Cat Lake City, da realizadora Antje Heyn (Alemaña).

Durante tres xornadas proxectáronse máis de medio cento de curtametraxes a concurso, chegadas de moitos recunchos do mundo. Ademais, houbo diferentes actividades paralelas: talleres de stop motion e de maquillaxe de efectos especiais; festa dos videoclips galegos; e proxeccións complementarias (Festi convidado Olloboi e pase de curtas OQO). E todo iso sen esquencer a película A galiña Turuleca , a única proxeción deste evento que foi de pago (4 euros), aínda que incluíu bonificacións a estudantes con carné, maiores de 60 anos, menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos con carné xove e a persoas demandantes de emprego. A xornalista, Loli Gómez, foi a presentadora.

Tanto nas sesións de inauguración como na de clausura sucedéronse actuacións de maxia a cargo do ilusionista, Carlos Tomico, da compañía Maxia na manga. E en todas as sesións de proxeccións, así como nos obradoiros houbo unha boaparticipación. En concreto, a eses talleres acudiron un total de 55 rapaces, e hai que sumar todas as persoas que participaron nas diferentes proxeccións realizadas.

Por outra banda sorteáronse 15 bolsas de Cinema Miúdo, 5 por día, entre todas aquelas persoas que realizaron unha fotografía no photocall do festival ou na exposición de pezas do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto Hortas, de 4 Ojos Estudio. A mostra estivo exposta na casa da cultura de Bertamiráns.

Na gala de clausura participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; edís do tripartito, como David Santomil, Genma Otero, Víctor Fernández ou Beatriz Martínez; así como Oliva Agra, do PP; Quique Costas, de Ames Novo, e maila técnica municipal María Vázquez.

Natividade González: “Consolídase como unha mostra da multiculturalidade no audiovisual”
A conselleira de Cultura cre que incentiva a creatividade para crear cinema neste país dirixido ós máis cativos

Os galardóns outorgados polo xurado están dotados con 500 euros cada un, mentres que as curtas premiadas polo público reciben un premio de 200 euros. En total repartíronse 1.400 euros segundo cada unha das seccións a concurso. E a concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a boa acollida que tivo un ano máis o Festival de Cine Infantil de Ames” e mostra a súa satisfacción porque “o certame Cinema Miúdo consolídase así como unha mostra da multiculturalidade no audiovisual e no mundo, e un motor que incentiva a creación de cinema para crianzas no noso país”, explicaba esta edil.

Así, no apartado de Axóuxeres, de pezas para nenos a partir dos dous anos, o xurado resolveu entregar o premio á curtametraxe Voa, do director Carlos Gómez-Mira Sagrado. O filme desta categoría máis votado polo público foi Eu, un Monstro?, da directora Belinda Bonan. E na de Buxainas, de curtas para rapaces de sete anos en adiante, o xurado chegou ao consenso de premiar Folla en Branco, do director Bastian Eipert. Por outra banda, o filme Cat Lake City, da directora Antje Heyn, foi o preferido das crianzas e recibiu o premio do público.

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames. Con este festival preténdese cumprir uns obxectivos pedagóxicos básicos entre os cales se priorizou o de propiciar que os nenos e nenas galegos descubrisen o gusto polo cinema así como o de axudar a formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. “E é que, ademais da súa dimensión lúdica, confiamos en que o cine pode actuar como un recurso moi útil para a educación, a aprendizaxe e a creatividade”, apuntaban dende a organización.

14 dic 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.