Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 28 junio 2022
20:08
h

Danza de Galicia, Granada e Alacante para celebrar 20 primaveras en Carballo

Os espectáculos poderán verse do 22 de abril ao 8 de maio no Pazo da Cultura // Abarcan as propostas máis vangardistas

As propostas máis vangardistas daranse cita no vinte aniversario da Primavera enDanza de Carballo, que se celebrará do 22 de abril ao 8 de maio. O programa desta vixésima edición inclúe cinco espectáculos: tres de compañías galegas, unha de Granada e outra de Alacante, conformando “un programa moi variado, apto para todos os públicos e a prezos asequibles”, afirmou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quen subliñou que “é un dos escasos ciclos de danza de Galicia e dos poucos con continuidade no tempo”.

Este ano abrirá a Primavera enDanza a compañía galega Colectivo Glovo, o día 22, con EM.NA, un espectáculo que afonda no carácter máis instintivo e intuitivo da natureza humana. Ao día seguiente, Fran Sieira Compañía de Danza presentará DeMente, un exercicio poético ao redor da tolemia, a diversidade e a liberdade. Sieira afirma que o espectáculo “relata experiencias persoais pero que están en todo o mundo, e aborda a demencia, que é unha parte marxinal da saúde e hai que tratala con máis normalidade e darlle visibilidade”.

Janet Novás, xunto coa compositora e música Mercedes Peón, levarán ao escenario a peza Mercedes máis eu, o día 30 de abril. Janet, que participou na presentación do ciclo, asegura que o seu espectáculo “é unha conversa de música e danza, no que afloran pezas e imaxes que teñen que ver co corpo e a muller”.

En maio virá a Carballo a compañía Otra Danza, de Alacante, coa montaxe Vigor Mortis, que propón aos espectadores unha viaxe surrealista e traxicómica que mestura teatro xestual con danza. A cita é o día 6 de maio. E dende Granada chegará o 8 de maio Da.Te Danza con Natanam, un espectáculo infantil gañador do Premio Fetén 2021. Omar Meza, director desta proposta, defende a necesidade de “poner en valor los espectáculos para niñas y niños” e di que “el arte es imprescindible en nuestra sociedad y ahora más que nunca”.

Todas as actuacións terán como escenario o auditorio do Pazo da Cultura carballés. O ciclo volve contar co apoio da Xunta de Galicia no cofinanciamento, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou aos responsables municipais e aos representantes das compañías no acto de presentación, e subliñou que “Carballo é un exemplo en canto a difusión e constancia na promoción da danza, algo que debería extenderse a outros concellos”.

Referiuse tamén ao “magnífico momento creativo” que vive Galicia neste ámbito artístico, “con recoñecementos importantes tamén fóra da Comunidade, como os acadados no FETÉN de Xixón por Marta Alonso ou no Certame Coreográfico de Madrid”.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero subliñou que “somos un concello que aposta pola danza e pola cultura. Gústanos ser pioneiros, pero tamén queremos que ao noso carón haxa máis xente” e avogou porque outros municipios da zona incorporen tamén a danza ás súas programacións.

Finalmente, o rexedor indicou que, como pasara anos atrás co teatro, no que Carballo tamén é un referente, “os espectáculos que mesturan a música e a danza están gañando público, e as compañías galegas están a demostrar que son vangarda”.

06 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.