Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Debates, conversas e espectáculos van centrar o Titiriberia

Dez compañías deleitarán ós rianxeiros coas súas obras // O festival celébrase do 20 ao 24

O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa sexta edición na vila rianxeira entre os días 20 e 24 de xullo. A iniciativa, que se desenvolve por segundo ano consecutivo no municipio, ten o obxectivo “de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade cun amplo programa que inclúe dez espectáculos, exposicións, mesas redondas, recollidas de testemuños e actividades formativas”.

Así o explicou Comba Campoi, integrante da asociación impulsora, na presentación da cita, na que estivo acompañada polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a edil de Cultura, Raquel García.

O festival de títeres, baixo o lema Rianxo. Cachaporras de pau de laranxo, arrincará o próximo martes coa compañía galega Larraitz Producións Artísticas, que presentará a súa Dona Barriga Verde. A peza, destinada a maiores de cinco anos, ofrecerá dúas funcións: ás 12.00 horas no Campo Maneiro de Taragoña e, ás 21.00 horas, no Centro Cultural VicenteVidal de Leiro.

Esta será a primeira das dez compañías que pasen polo festival, que este ano recibe un total de dez formacións: oito galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, a luso-exipcia (Habib e Valeria).

O cartel de Titiriberia inclúe dúas grandes estreas nesta sexta edición. A primeira delas chegará o venres 23 de xullo da man de Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte) que presentará o seu espectáculo Maldita Máscara. Terá lugar no Pazo do Rianxiño ás 20.30. A segunda estrea será ás 21.00 horas no mesmo espazo e correrá a cargo de Babaluva, que dará a coñecer a súa peza Feira de sementes.

Asemade, o programa, que despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo, contempla outras citas, como é o caso da xa celebre Varietés do Barriga Verde, un encontro escénico para o público adulto que reúne diferentes artistas nun espectáculo, conducido por Iria Pinheiro.

Ademais, o programa do festival complétase con outras actividades como diferentes exposicións sobre os monicreques tradicionais, presentacións de libros como Fábulas da montaña, de Inacio Vilariño, ou unha mesa redonda moderada por Comba Campoi sobre a relación dos medios e os títeres.

Neste 2021, o Titiriberia tamén buscará facer encontros nos que se realizarán gravacións e entrevistaspara recoller os testemuños de persoas de idade que lembran a Barriga Verde e a outras familias de titiriteiros tradicionais con presenza en Rianxo.

16 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.