Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O catálogo do patrimonio cultural inclúe unha relación de trinta elementos etnolóxicos, como hórreos, cruceiros ou muíños, que están integrados no conxunto // Está situada a cabalo de Ames e Negreira e construíuse entre os séculos trece e catorce TEXTO Manuel Boo

Declaran Ben de Interese Cultural A Pontemaceira

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento A Pontemaceira, sobre o río Tambre, situada entre os termos municipais de Ames e Negreira, na provincia da Coruña. Trátase dunha infraestrutura que vertebrou a actividade comercial desta contorna da Galicia interior desde a Idade Media e que forma parte do Camiño de Fisterra e Muxía.

Coa aprobación do decreto de declaración como BIC, a Administración autonómica completa o procedemento iniciado en 2017 tras a solicitude dos concellos de Ames e Negreira. Unha vez recompilada toda a documentación, en 2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta iniciou o expediente de declaración BIC, que agora se completa coas achegas recibidas no período de exposición pública.

Dita declaración acorda incluír no catálogo do patrimonio cultural unha relación de trinta bens de carácter etnolóxico, como hórreos, cruceiros ou muíños, entre outros, polo que están sometidas ao mesmo réxime de protección que o resto de inmobles que integran o conxunto.

Á hora de realizar o decreto de declaración BIC da Pontemaceira, a Xunta solicitou o ditame dos órganos consultivos (Universidade de Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega de Belas Artes) sobre o valor cultural sobranceiro da estrutura, que resultaron favorables ao recoñecemento. Valórase, especialmente, a súa antigüidade, a súa influencia na configuración do territorio e a súa calidade construtiva e estado de conservación, ademais da documentación que demostra a súa autenticidade.

LÍMITE TERRITORIAL. A ponte actual foi construída entre os séculos XIII e XIV polo poder eclesiástico de Santiago de Compostela, co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra e controlar o acceso e mercadoría, ademais de actuar como fronteira entre o poder eclesiástico dos Fonseca e os Conde de Traba. Con posterioridade, no século XVIII, José Cornide documenta a súa descrición e o seu precario estado de conservación e os orzamentos de urxencia para a súa reparación, feitos polo arquitecto Juan López Freire.

Nesta época a ponte presentaba un total de sete arcos: tres cara a parte da Barcala de feitura máis antiga, gótica, e catro máis modernos, de medio punto, cara a Altamira.

No ano 1792 documéntase a derruba e ruína que impediría o seu uso, e que permanecería neste estado ata a restauración xa comezado o século XIX. As vilas de Cee, Corcubión, Muxía, Moraime e Fisterra, e mesmo de Muros, solicitaran daquela a declaración do interese público da ponte e a eliminación de portádegos e de custos para os usuarios e beneficiarios na súa restauración, malia a vontade dalgún veciño de reconstruílo á súa costa, garantindo o dereito de cobramento para persoas, bestas e carros.

Despois dunha derriba parcial en 1987, a Xunta de Galicia realizou a súa restauración en varias fases entre 1991 e 2001, así como diversas obras de integración ambiental nos conxuntos. Nas mesmas datas os concellos de Ames e de Negreira acometeron actuacións de conservación e mellora do conxunto, muíños, lavadoiros, pavimentos e espazo público, así como de instalacións de subministración.

ESTRUTURA CLÁSICA. Hoxe en día A Pontemaceira conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, cun arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados. No estribo esquerdo, no sentido das augas, existen dous arcos de carácter máis recente que teñen por obxecto facilitar o desaugadoiro. Os arcos están protexidos con potentes tallamares de perfil apuntado e remate graduado nos dous sentidos da corrente. Na actualidade a súa integración no ambiente é óptima, xa que os percorridos da calzada e dos peitorís se estenden cara ás beiras, con accesos aos muíños e ao leito de grandes bolos de granito naturais que no tempo de augas baixas poden ser empregados como zonas de baño.

XA HAI 776 BIC. Estes BIC forman parte dos 103 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, que facilitou a protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e o patrimonio inmaterial. Contando coa Pontemaceira, hoxe Galicia ten 776 BIC, incluíndo entre as últimas incorporacións a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán ou o microscopio naturalista de Antony Van Leewenhoek.

Imaxe para o recordo
Manuel Boo

sempre é bonito poder presumir do noso, pero non sempre é fácil. Desde xa os veciños de Negreira e Ames teñen un motivo máis para estar orgullosos. A Pontemaceira, un dos lugares con máis encanto de toda a contorna, xa figura entre os Bens de Interese Cultural. É un dos escollidos. Pero este título vén acompañado dunha responsabilidade. Entre todos haberá que coidar a ponte e os elementos patrimoniais que agora se recollen no conxunto. É cousa de todos que manteñan o seu atractivo para que, por exemplo, os peregrinos que pisan as súas pedras garden para sempre na súa memoria a paisaxe do río Tambre ó seu paso pola Pontemaceira e que a lembren como unha das imaxes máis impactantes do seu percorrido.

20 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.