Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Denuncia o PP de Arzúa que o Concello perdese unha doazón millonaria

O goberno local explica que sempre se mantivo unha actitude correcta co doador e que non podía aceptar a herdanza en vida

O Partido Popular de Arzúa esixe responsabilidades ao goberno local “pola mala xestión dunha doazón infrutuosa de obras de arte” dun valor que sobrepasa o millón de euros por parte dunha persoa con raíces en Arzúa. Segundo explican dende a formación, a persoa doadora enviou unha carta a pasada semana á sede do PP de Arzúa. Dita carta, manuscrita, detallaba as “infrutuosas reunións” co alcalde e concelleiros dende fai un ano. “Se ben definía a primeira reunión como esperanzadora, pronto viu que as posibilidades de facer realidade unha doazón de obras de arte ao Concello se viu truncada polas trabas que o goberno local lle puña”, din.

A carta que enviou aos populares viña acompañada, explican, de fotocopias dunha relación de obras de arte e outras propiedades, así como en formato dixital, fotos e vídeos das obras que pretendía entregar. A colección comprendía pinturas, esculturas, tallas, louza, reloxos, bastóns, selos e moedas, entre outros obxectos, viría acompañada dunha suma de 50.000 euros.

Dende a formación explican que o doante, nado en Santiago, pero de familia con orixe arzuá, “preferiu doar a Arzúa preferentemente. Se ben, ao non conseguir un si en firme do goberno local, optou, previsiblemente, por outro destino que, todo parece indicar, será o Concello de Oleiros o beneficiario”, aseguran dende o PP.

Consideran que de estar confirmado o testamento, suporía unha gran oportunidade perdida para Arzúa por culpa da inacción do bipartito AxA-PSOE. Segundo Rafael Rivadulla, voceiro popular, “é unha mágoa que alguén, cun xesto tan xeneroso e con tanto gusto pola arte e cunha colección envexable, falecese sen materializar o seu desexo: deixar a colección a disposición dos veciños de Arzúa”.

Engade Rivadulla que, “dende o outro día que recibimos a carta, tentamos por tódolos medios pornos en contacto con este doante, pero este xoves (polo pasado día 15) enterámonos que faleceu aos dous días de recibir nós a carta”, indican.

O doante daba detalles na carta da xestión: “o alcalde se comprometeu a querela (a colección)”, “posteriormente, sempre (o alcalde) estaba ocupado, reunido, ou de viaxe, e logo, que o estaba estudando o equipo xurídico”, e que lle daban largas pois “que non tiñan onde poñelo (a colección)”.

Concluía así: “ata que desistín”, “pareceume un engano”, “falta de lealdade e cobardía” ,“só é para que saiban as personaxes que representan ao pobo”, “o actual alcalde de Arzúa estívome enganando un ano”. Os populares esixen do alcalde “que explique aos veciños de Arzúa a súa nefasta xestión nesta doazón”.

CONCELLO De “total cinismo e pura hipocresía” califica o goberno municipal de Arzúa a actitude do PP ao respecto da información facilitada polo voceiro popular referida “á suposta doazón de obras de arte por parte dun particular ao concello de Arzúa”. Súmase Rafael Rivadulla “a esa nova moda de facer política que implica querer facer parva á xente. Ningún alcalde no seu sano xuízo renunciaría a aceptar para o seu concello a doazón dunha herdanza por valor de 1 millón de euros en obras de arte, como pretende facer crer aos veciños e veciñas o voceiro popular, Rafael Rivadulla”.

Dende o goberno local aseguran que José Luis García, lle explicou días atrás ao voceiro popular e a algún membro máis do seu partido, “a realidade da doazón desta herdanza e o transcurso de como foron sucedendo as cousas”. Rivadulla, reitaran, “foi informado de que o alcalde sempre mantivo unha actitude correcta coa persoa doadora, á que en todo momento se lle animou a que fixese o que el considerase oportuno e atendese a súa vontade”. O recedor manifestoulle que, posteriormente, o Concello, de resultar beneficiario de dita herdanza, “trataría de cumprir coa vontade disposta no seu testamento”. O doante “quería que o alcalde aceptase a herdanza estando él en vida” e dende a propia Secretaría Municipal, din que se lle informou da imposibilidade de que unha administración pública acepte unha herdanza estando vivo o doador. “Polo tanto, non hai ningunha xestión nefasta” só “unha actitude perniciosa”, sentencian, do voceiro do PP.

20 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.