Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
polémica no barbanza. Medio Ambiente asegura que non se poden comparar as Illas Atlánticas, humidais recoñecidos mundialmente, coas características do parque situado no concello de Ribeira // O orzamento destinado á mellora das dunas en dez anos ascende a un millón de euros TEXTO Suso Souto

Desacordo polo ‘maltrato’ a Corrubedo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda opina que non cabe comparar o espazo natural de Corrubedo (Ribeira) co Parque Nacional das Illas Atlánticas, tendo en conta que este último é o único con esta calificación situado en Galicia –un dos quince de España– e que, ademais, ten unhas características moi especiais: trátase dun arquipélago de catro illas, ten un total de 8.480 hectáreas e, ademais, pode presumir dunha extraordinaria singularidade pola súa ampla superficie mariña e a súa biodiversidade.

Cabe lembrar que coa súa inclusión nos últimos días na lista internacional de humidais Ramsar, as Illas Atlánticas concentran xa seis das principais figuras de protección medioambiental que existen.

Por último, no referente ás alegacións formuladas polo Concello de Ribeira ó Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural de Corrubedo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está valorándoas, ao igual que o resto das suxerencias que foron presentadas no período aberto para a exposición pública.

O pasado luns 19 de abril, representantes da Dirección Xeral reuníronse co alcalde ribeirense, Manuel Ruiz Rivas, e con responsables das comunidades de montes do parque.

Consideran que non existe ningún tipo de maltrato ó citado espazo protexido. De feito, por dar un dato concreto, os investimentos no mesmo nos tres últimos anos –cifras que foron presentadas na última Xunta Consultiva– practicamente dobran a inversión anual mínima prevista no Proxecto de Decreto do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX).

O orzamento exposto no programa económico e financeiro que se inclúe en todos os PRUX é unha previsión inicial de compromiso económico coas actuacións que se van desenvolver nos anos seguintes, pero que en todos os casos sempre se acaba ampliando. Ademais, pódese establecer unha comparativa co resto de parques naturais que contan xa cun PRUX aprobado en base ó número de hectáreas de cada parque e a estimación económica inicial incluída en cada un dos PRUX: Corrubedo, cunha superficie de 996,25 hectáreas, recibiu 1.000.000 euros en dez anos; O Invernadeiro, de 5.722 hectáreas, contou con 932.870 euros en seis anos; en Monte Aloia, que ocupa 746,29 hectáreas, investíronse 600.000 euros en seis anos; e a Serra de Enciña da Lastra, de 3.151,67 hectáreas, levou 708.870 euros en seis anos.

PROGRAMAS DE ACTUACIÓN. O Proxecto de Decreto do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán presenta os programas básicos das actuacións a desenvolver no período de dez anos de vixencia.

O plan desenvolverase a través dunha serie de programas sobre aquelas materias nas que é competente, preparados e financiados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, despois de ser consultada a Xunta Consultiva do mencionado parque natural.

Estes programas básicos de actuación agrúpanse por diversas unidades temáticas relativas ao seu contido básico nos seguintes epígrafes: Programa de conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural; Programa de investigación, seguimento e avaliación; Programa de uso público; e Programa de mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos.

LIÑAS DE TRABALLO. Deste xeito, os programas abranguen as liñas de traballo formuladas como obxectivos no programa económico e financeiro. Neste caso, é certo que o orzamento contemplado para o ámbito protexido de Corrubedo ascende a un millón de euros durante dez anos, no que se inclúen as partidas de inversións, equipamento e contratos relativos a estudos.

Non obstante, trátase dun orzamento que se vai ampliando ano a ano, tendo en conta que nesta partida inicial do proxecto non se inclúe o gasto corrente (custo de persoal, subministracións e servizos) nin tampouco se contemplan outras inversións que realizan no parque outros departamentos da Consellería (Cambio Climático, Biodiversidade, etc.). Ademais, tampouco se inclúen as axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Rede Natura 2000 e os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica.

O parque natural de Corrubedo é un dos máis visitados de España; un enclave que atesoura a maior duna móbil do noroeste peninsular (un quilómetro de lonxitude e máis de 15 metros de altura). Un conxunto xeolóxico formado hai 12.000 ou 15.000 anos, no Cuaternario, a época na que desapareceron os mamuts e os mastodontes.

areadecompostela@elcorreogallego.es

28 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.