Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Descobren a gran riqueza das profundidades do mar

Co proxecto Rimartes darán a coñecer o patrimonio submariño a través do mergullo recreativo // A iniciativa é impulsada polo GALP

Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos do Atlántico europeo. Pecios de diferentes épocas atópanse ao alcance de mergulladores de todos os niveis que buscan novas experiencias e coñecemento.

Tendo en conta todo este potencial, desde os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur acaban de poñer en marcha o proxecto colaborativo Rimartes. Riquezas do mar, tesouros do profundo para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios apostando polo turismo experiencial e o buceo recreativo para todos os niveis.

A presentación de Rimartes tivo lugar este martes no Hotel Faro de Lariño (Carnota) onde, moi cerca, a fragata da Armada Española Ariete – D36 naufragou en 1966 e no que a propia decoración do establecemento está tematizada con este suceso.

Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible, foi a encargada de presentar a iniciativa acompañada por Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia.

Durante a súa intervención Manuela Oviedo destacou que con este proxecto se busca poñer en valor o rico patrimonio submariño dos tres grupos, tanto o material como o inmaterial, a biodidiversidade do mar e crear un produto turístico especializado para impulsar o mergullo experiencial. “Queremos recuperar o sentimento e as historias vinculadas aos naufraxios que se poden visitar en establecementos turísticos coma o Hotel Faro de Lariño, recentemente inaugurado, ou noutros lugares de referencia como pode ser o Cemiterio dos Ingleses, entre outros moitos”, explicou.

Pola súa parte, Jesús Picallo valorou que a través de Rimartes se impulse “un turismo emocional capaz de atraer a visitantes internacionais e desestacionalizar o sector para manter a demanda durante todo o ano”.

Destacar que a execución de Rimartes comezou neste último trimestre do ano coas tarefas de recompilación de información e catalogación dos naufraxios. E, segundo indicaron os promotores da iniciativa, o seguinte paso será o deseño e planificación de rutas emocionais nos tres territorios GALP, que entre todos abarcan 25 concellos e uns 300 kilómetros de costa desde Sada a Porto do Son.

Ademais do material divulgativo que acompañará a posta en escea desta experiencia, “editarase un atlas de especies pesqueiras para mellor coñecemento da rica biodiversidade que sempre xurde de arredor dos pecios, paneis informativos para os centros de mergullo, un catálogo fotográfico coas imaxes cedidas polos propios mergulladores afeccionados que nos visiten e que tamén se integrarán na exposición fotográfica itinerante Tesouros do profundo”.

Resaltar que se trata dunha iniciativa pensada tamén para todos aqueles que queiran coñecer a historia do mar desde terra. Poderano facer a través das rutas emocionais que seguirán os vestixios dos naufraxios visitando lugares simbólicos e emblemáticos.

Xa realizaron presentacións sectoriais para dar a coñecer o proxecto aos axentes locais e no 2022 traballarán coa hostalería para involucrala con distintas accións.

15 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.