Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
02:23
h

Deseñan xa a urbanización do polígono industrial de Ribeira

A actuación recaeu en Monsa Urbanismo por un importe de 129.772 € // O documento contemplará numerosas obras

Tal e como estaba previsto, a mesa de contratación vén de adxudicar a elaboración do proxecto de urbanización do novo polígono industrial de Ribeira. A actuación recaeu na empresa Monsa Urbanismo S.L., por un importe de 129.772 euros, IVE incluído.

De acordo co prego de contratación, neste documento deben definirse a lo menos a execución de múltiples obras a efectuar na superficie de 258.685 metros cadrados da que constará a nova área industrial na contorna de Fontenla-Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

O proxecto contempla a execución ou acondicionamento das vías públicas, rede peonil, aparcadoiros e espazos libres públicos, incluída a explanación e pavimentación de calzadas, construción e encintado de beirarrúas e movementos de terras; actuacións referentes ao abastecemento de auga, incluída a súa captación, depósito, tratamento e distribución, así como as instalacións de rega e os hidrantes contra incendios.

Asemade, en canto ao saneamento, inclúense as conducións e colectores de evacuación, os sumidoiros para a recollida de augas pluviais e as instalacións de depuración. Tamén se contempla no proxecto a subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e iluminación pública.

Por outra banda, entre os traballos figura intervir en infraestruturas comúns telefónicas e de telecomunicacións; a canalización e instalación das redes de gas e dos demais servizos esixidos en cada caso polo planeamento; xardinaría dos espazos libres públicos, incluída a plantación de árbores e de especies vexetais preferentemente sustentables e a instalación de elementos de xogo infantís.

Así mesmo, consideran a previsión de espazo para a implantación das infraestruturas de transporte público que se requiran para unha mobilidade sustentable.

O documento tamén comprende a demolición dos elementos existentes incompatibles co planeamento; o enlace dos servizos urbanísticos cos sistemas xerais e acreditar que teñen capacidade suficiente para atendelos, así como a previsión e valoración das correspondentes obras de desvío ou reposición e incluso a súa posible utilización como puntos de novas acometidas.

expropiación. Cómpre lembrar que hai unhas semanas tamén se adxudicaron os traballos de redacción do proxecto de expropiación e a execución dos servizos de arqueoloxía do polígono.

Polo que respecta ao proxecto de expropiación, a adxudicación da súa elaboración recaeu na entidade Fernández Carballada y Asociados S.L.P., conforme a unha proposta de 43.560 euros, IVE incluído, en tanto que a execución dos servizos de arqueoloxía vaina levar a cabo a empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega por un total de 26.194 euros.

Ditos servizos de arqueoloxía inclúen a realización dun total de 64 catas e 64 gabias de sondeos, así como o control na execución das obras.

26 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.