Dez anos de reivindicación das vellas corredoiras bergantiñás
Vinte persoas acudiron na tarde-noite do martes ao Espazo da Natureza de Oza (Carballo) atraídos pola chamada da asociación Senda Nova para dar a coñecer a proposta do décimo Outono en Marcha, que xa se albisca na néboa das paisaxes da comarca de Bergantiños.
Nesta décima edición serán seis rutas e un cento de quilómetros, durante as cales o pracer de camiñar verase agrandado coas paradas para a interpretación, nas que os guías titulados do colectivo ambiental tentarán descifrar aos sendeiristas os segredos mellor gardados do rural.
Os novecentos quilómetros percorridos en outonos pasados serviron para a posta en valor dos roteiros previamente deseñados para achegarse ao patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico de Bergantiños, sempre traballando coa mirada posta no coñecemento do entorno, segundo afirman.
Ademais, dende Senda Nova aseguran que outro dos obxectivos é recuperar os antigos viais e corredoiras que unían aldeas. “Máis se cabe nun tempo de encrucillada onde se está a arrasar camiños tradicionais derrubando muros, cementando, botando zahorra e cortando as especies que enmarcan estas antigas corredoiras”, engaden ó respecto.
Por iso, a asociación que preside José Manuel Menéndez quere seguir reivindicando estas vías e esixe “parar o exterminio destas vías de comunicación, moitas delas enmarcadas en muros de pedra seca, recentemente declarados Patrimonio da Humanidade”, explica.
E nada mellor para reivindicar esas corredoiras que camiñar por elas, como fixeron ao longo da historia os nosos antepasados. Os interesados poderán facelo seguindo as pegadas de Senda Nova entre o día 10 de outubro e o 28 de novembro.
A primeira ruta, o día 10, levará aos camiñantes pola costa de Razo e Baldaio, un espazo para protexer e que osixena Carballo. Xeoloxía, cultura e biodiversidade enchen de contido o percorrido por unha contorna natural que acolle un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia. A segunda, o día 24, percorrerá as Terras do Marqués, achegando aos sendeiristas ata os pazos de Gontade, das Pallas e de Vilar de Francos.
Xa en novembro, o día 7, trasladaranse ao veciño concello de Coristanco para seguir as pegadas romanas a través da Vía Alcaianus, coa ponte Lubián como un dos puntos estratéxicos da ruta.
O día 14 descubrirán os segredos dos zapateiros escondidos nas capelas de Montemaior (A Laracha). Tamén visitarán o curtidoiro de Cumiáns, do ano 1852. De volta a Carballo, o día 21 seguirán as pegadas do wolframio dende o balcón de Monte Neme, achegándose tamén ás terras de Malpica de Bergantiños.
O décimo Outono en Marcha rematará o día 18 coa Ruta das Férvedas, seguindo a auga que fuxe pola Valgada Malpica-Tui.
Toda a información pode consultarse na web www.sendanova.org, e os interesados poden contactar tamén con Senda Nova a través do correo sendanova@hotmail.com, por Whatsapp no número 611 037 617 ou polo Facebook. Como vén sendo habitual, para esta edición contarán coas colaboracións dos concellos de Carballo, Coristanco e A Laracha, de Protección Civil de Carballo e dos voluntarios do citado colectivo.
Co apoio de todos eles, achegarán aos camiñantes aos vestixios históricos máis importantes da comarca de Bergantiños e á paisaxe de outono máis espectacular. Só se require ter gañas de camiñar e aprender, ser puntuais e ecolóxicos, e levar calzado e roupa axeitada. Os camiños esperan xa as novas pegadas.