Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dez mil oitocentos euros de axuda para os mozos que compren casa

As vivendas deben ser para uso habitual e estar en concellos de menos de 10.000 habitantes // No caso de alugueiro contan con subvencións de ata 360 € ao mes

A subdelegada do Goberno, María Rivas, presentou aos alcaldes dos concellos da Costa da Morte o plan que permitirá aos mozos e mozas acadar unha axuda de ata 10.800 euros se compran unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes.

Esta subvención terá unha contía de ata 360 euros ao mes naqueles casos en que se opte polo alugueiro dunha vivenda en vez da compra. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñen 35 anos ou menos.

A subdelegada lembrou que a semana pasada o Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, aprobou unha transferencia a Galicia de 105 millóns de euros, dos que 23 son para alugueiro de mozos e mozas e 82 son para o Plan de Vivenda.

María Rivas mantivo unha xuntanza de traballo con alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte en Vimianzo, acompañada rexedora anfitriona, Mónica Rodríguez, e na que participaron tamén José Marcote, de Fisterra; Juan Manuel Saborido, de Carnota; José Muíño, de Cabana; Francisco Charlín, alcalde en funcións de Laxe; Manuel Ínsua, de Corcubión; José Manuel Pequeño, de Dumbría; Óscar Lema, tenente de alcalde de Zas; e Encarnación Liñeiro, concelleira de Camariñas.

Destacou o impacto desta medida na Costa da Morte, “onde 16 concellos, a inmensa maioría, entran dentro desta categoría de poboación”, e lembrou que o reto demográfico é unha política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.

“Traballamos convencidos de que conseguiremos reverter a perda de poboación destes territorios, camiñando cara a cohesión territorial e social en España e en Galicia”, indicou. O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025.

O obxectivo é atraer poboación moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes ámbitos. No caso de compra de vivendas as axudas poden acadar ata o 20% do custo total, que non deberá superar os 120.000 euros, e na modalidade de alugueiro o tempo das subvencións será de cinco anos e cubrirán ata o 60% da renda mensual, con un máixmo de 360 €. Esta axuda será compatible co Bono de Alugueiro Xove, de forma que se pode cubrir ata o 75% do custo do arrendamento.

O Goberno conta ademais cun programa de apoio á rehabilitación enerxética, pensado para mellorar a eficiencia das vivendas nos núcleos e nos barrios. O obxectivo é a recuperación económica e social e as axudas van ata 18.000 euros por vivenda.

Por outra banda, tamén pretende dar un impulso ao alugueiro social co financiamento de ata 50.000 euros por vivenda para os organismos públicos. Hai cantidades similares para a erradicación do chabolismo. E ata 12.500 euros para accesibilidade.

María Rivas apuntou que estas axudas teñen vixencia dende o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa dende comezos deste ano. Explicou que o Ministerio de Transportes dispón dos fondos nas partidas orzamentarias deste ano e que consesuará a súa transferencia á Xunta para que dende a Administración autonómica se convoquen no menor prazo posible.

A subdelegada lembrou que se trata dun programa que atende a un dereito constitucional básico e unha oportunidade para evitar o despoboamento das vilas polo que apuntou que “non hai ideoloxía na que escudarse, cando se trata de atender a chamada de atención do mundo rural ou negarlles esa axuda, ese empuxón que necesitan os mozos para empezar as súas vidas e non poden facelo por carecer de medios suficientes para acceder a unha vivenda”.

10 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.