Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dez poderosas razóns para asistir á malla de Doade

    o vindeiro 20 de agosto, sábado, celebrarase a XXIII edición da Malla Tradicional de Doade (no concello de Lalín) na contorna da Casa do Patrón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta o pasado día 21 de abril. É o momento de invitar a todos os galegos e galegas, e ás numerosas persoas que nos visitan nestas datas a que veñan compartir con nós unha xornada diferente, multicultural e festiva, para celebrar todos esta gran festa de homenaxe aos nosos devanceiros, na que a diversión está máis que asegurada.

    Velaí dez razóns polas que pedimos a asistencia masiva de todos os galegos e visitantes, así como o apoio unánime de toda a comarca do Deza:

    Porque executamos unha completa e espectacular recreación, para mostrar á xente como se utilizaban antano os motores, malladoiras, aventadoras, carros e ducias de ferramentas miúdas como galletas, forcados, rodos, tinas, cestas, sacos, huchas, angazos, cribos, males, porróns, navalla, roupas de época... procedentes de toda Galicia, que constitúen boa parte das exposicións da sala de agricultura da Casa do Patrón.

    Pola amplitude e calidade do programa de actividades proposto, de xeito totalmente gratuíto, excepto o xantar: mostra de pintura, artesanía, máquinas, motores, aventadoras e tractores antigos, fiel recreación das cinco modalidades históricas da malla en Galicia (á pedra, con males, malladoira manual, máquinas, motores e aventadoras e, finalmente, co tractor), postos en escena por aproximadamente unhas setenta persoas, xantar de confraternidade, serán musical a cargo de seis grupos folclóricos da zona e, como colofón, un concerto da agrupación Cantos da Terra.

    Porque rememoramos un dos traballos máis complexos, duros e sacrificados, que se erixe no máximo expoñente dos labores comunitarios do rural galego: a malla precedida doutros moitos labores (preparación da terra, sementeira, mondado, sega, atado e carrexo dos mollos, limpeza da eira e a feitura da meda) e seguida da moenda e cocido tradicional en forno de leña, representando a culminación do proceso produtivo do noso pan de cada día que resultou fundamental durante séculos en toda Galicia, con especial relevancia na mencionada comarca de Deza, onde sementaban grandes extensións de trigo e centeo, e mesmo se chegou a mallar a “meda vella” do ano anterior, en sinal de fartura e abundancia, deixando a meda nova para a malla do ano seguinte.

    Pola total implicación e participación da poboación local: foi unha iniciativa da Casa do Patrón, compartida coa totalidade da parroquia de Doade, na que as mallas duraban preto dun mes, polo extenso terreo dedicado a cereal. Por iso conservamos aínda un forte sentir comunitario, que xunto cunha intensa actividade cultural, potencia a vida social da parroquia, converténdonos nun dos destinos turísticos máis visitados do Deza, con preto de 15.000 persoas anuais, contando ademais dende os inicios coa inestimable colaboración doutras dez parroquias lalinenses.

    Por xerar identidade de pobo: este traballo representa a máis pura esencia do Museo Casa do Patrón, axudándonos a consolidar a forte identidade deste territorio da Galicia profunda, no que o único protagonista e destinatario final é a totalidade do pobo galego, ao que lle dedicamos esta orixinal festa ao aire libre, unha mestura de cultura, tradición, etnografía, gastronomía, música e natureza, situada no mesmo corazón e centro xeográfico de Galicia, asolagados por unha marabillosa paisaxe natural.

    Porque representa un elemento esencial da nosa historia, que desgraciadamente está en perigo de extinción na sociedade moderna: a total participación e colaboración de varios lugares, incluso parroquias limítrofes, na que se implicaba toda a poboación, dende os máis cativos aos máis vellos, pobres e ricos, traballando arreo e compartindo sangue, suor e bágoas durante días e semanas enteiras, como se dunha soa familia se tratara.

    O máis transcendental dunha malla non é o carácter rudimentario da malla á pedra, a perfecta sincronización dos males ou o espectacular ruxir dos motores e colorido das malladoiras e aventadoras, senón a fermosa estampa de ver traballar cóbado con cóbado a todo un pobo, esquecendo posibles diferenzas persoais, facendo unha extraordinaria labor de equipo, coa máis alta implicación e intensidade que esta faena require.

    Constitúe unha verdadeira homenaxe aos antepasados: en última instancia, a malla constitúe unha homenaxe aos nosos devanceiros, que coa súa humildade, xenerosidade e intelixencia natural nos mostraron o vieiro a seguir nun momento de especial dificultade para todos, para que grazas ao noso esforzo compartido, sexamos capaces de manter vivos o diálogo, a convivencia e as relacións persoais entre os veciños, tan pouco valorados hoxe en día.

    Porque se trata da gran malla da Galicia interior, que en base á singularidade e calidade das recreacións, número de asistentes e visitantes, valor cultural do evento, antigüidade e arraigo entre a poboación local, infraestruturas e equipamento utilizados, innovación, coidado da contorna urbana e paisaxística na que se executa e grao de difusión do evento, acadou a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

    Se foi fundamental o apoio de todos durante un período de vinte e tres anos, baseado nunha desinteresada e leal colaboración de institucións públicas e de milleiros de persoas, para conseguir situar esta actividade no cumio da etnografía galega, agora resulta máis necesario que nunca manter e incrementar esa unión cara a futuro, para que a nosa Malla Tradicional, xa consolidada no tempo e etiquetada como a malla de todos os galegos e galegas, continúe celebrándose e engrandecendo ou seu ben gañado prestixio en cada unha das súas vindeiras edicións.

    Estades invitados, contamos con todos e con todas vós!

    10 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.