Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A pandemia puxo máis de manifesto as necesidades da veciñanza, polo que o concello reforzou as actuacións deste departamento // A boa situación sanitaria permitiu que se mantivesen en todo momento as accións básicas // Destaca a importancia do programa para maiores TEXTO Brais Fdez.

Dodro aumenta a súa atención en Servizos Sociais e Benestar

Derivado da pandemia da COVID, a sociedade está a vivir unha crise sanitaria e económica que lle afecta ao seu día a día. A situación xerada está a provocar un aumento das necesidades da poboación, unha necesidade que dende o Concello de Dodro consideran de primeira orde. Neste sentido, dende a concellería de Servizos Sociais e Benestar, encabezada por Xoán Bautista Mariño, incrementouse e priorizouse a atención constante a todas aquelas persoas que se achegaron en busca de información, asesoramento e orientación.

Dende a chegada ao goberno local do alcalde Xabier Castro, a implantación da cita previa e o programa Dodro Escoita resultou ser todo un acerto, o cal adquiriu aínda máis relevancia coa chegada da pandemia.

Conscientes da situación que tiñan que afrontar os veciños e veciñas da localidade coruñesa, non dubidaron en extremar as medidas de protección contra o virus, tanto dentro das dependencias da casa consistorial como fóra delas. Así, dotaron a todo o persoal municipal de axuda no fogar do material necesario para garantir a saúde e protección tanto dos traballadores coma dos maiores atendidos.

Ademais, sen contar con competencias en saúde pública, prestaron tamén axuda a outros colectivos locais e achegaron máscaras a todas aldeas do municipio en canto puideron, debido á escaseza de material que se produciu nun primeiro momento.

Grazas ás citadas accións levadas a cabo polo goberno, xunto co bo comportamento da poboación dodrense, lograron manter á raia a pandemia no concello, evitando ao mesmo tempo que se tivesen que cancelar os servizos básicos.

Desta maneira, en ningún momento se viu interrompido a asistencia en Educación Familiar, nin as súas prestacións económicas e axudas. A pandemia tampouco afectou aos programas locais como Xantar na Casa, á teleasistencia, ao reparto de alimentos polas casas, nin tan sequera ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no cal atenden a uns oitenta veciños aproximadamente, cifra que flutúa moito ao longo do ano.

Esta positiva situación sanitaria mesmo levou a aumentar a atención aos dependentes, alcanzando as dúas mil cento cinco horas ao mes de coidados aos usuarios.

Do mesmo xeito, para evitar as carencias das persoas con menos medios, as máis afectadas dende o comezo da pandemia, o Concello, empregando os limitados recursos dos que dispón para esta competencia transferida, foi unha das primeiras entidades locais da comunidade que foi quen de activar, con persoal propio, o servizo de atención ás necesidades de asistencia farmacéutica e de subministración de alimentos, para todos aqueles que o solicitaron.

Ademais, mercé ás axudas da Deputación da Coruña, reforzaron as súas accións coa incorporación ao cadro de persoal doutra traballadora social (únese á que xa había), en réxime de media xornada. A maiores destas dúas empregadas, integran o servizo tamén unha educadora familiar e unha auxiliar administrativa, así como tres persoas para o SAF.

Con este importante equipo de Servizos Sociais e Benestar para un municipio que non alcanza os tres mil habitantes, Dodro trata de atender todas as demandas que chegan ás dependencias municipais con celeridade e equidade. Con todo, apuntan, as necesidades xorden máis rápidas que as solucións propostas -con garantías- dende a Administración Pública, e estas veñen máis lentas do que a xente merece, remarcan dende o departamento.

Levando a cabo as mil xestións que contabilizan dende o principio do mandato, as máis de cincocentas chamadas que se acumulan no servizo Dodro Escoita, así como o novo persoal incorporado ao plantel municipal dan boa mostra da importancia que ten a veciñanza para o Concello.

Traballando de maneira constante e incansable, teñen como obxectivo atender da mellor maneira posible todo aquilo que precisen as persoas da localidade e por iso, de cara ao futuro, xa están preparando novos programas e proxectos para que saian antes de que remate este ano.

02 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.