Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dodro nomeará filla adoptiva a súa exveciña Rosalía de Castro

Además de citar ao municipio na súa obra, residiu e escribiu nas Torres de Hermida // Farase no pleno do vindeiro xoves día 11

A xeografía vital e literaria de Rosalía de Castro é rica e complexa, pero nela ocupa un lugar de primeira orde o Concello de Dodro. Non é posible falar deste municipio sen aludir á escritora e viceversa, xa que esta autora situouno na cartografía literaria de Galicia, mencionándoo nalgún artigo e inmortalizándoo nos seus poemas.

Ademais, Rosalía tiña casa en Dodro, en Lestrobe: as Torres de Hermida, do seu curmán José de la Hermida Castro, onde viviu en diferentes épocas da súa vida. Alí naceron os xemelgos Gala e Ovidio, bautizados en Santa María de Dodro, e neste lugar asinou varias da súas obras, coma Padrón y las inundaciones, El primer loco ou En las orillas del Sar. A poeta, que é todo un emblema de Galicia, converteuse ademais na principal embaixadora cultural do municipio e da súa poboación.

Por estes motivos, e como mostra de recoñecemento a súa excepcional traxectoria literaria e a súa contribución á cultura galega, así como xesto de afecto e gratitude polo labor prestado ao coñecemento e promoción de Dodro e do seu patrimonio, o Concello ven de propor a concesión do título honorífica de Filla Adoptiva, a título póstumo, á poeta Rosalía de Castro.

ABRIL. A iniciativa naceu da concellería de Cultura e Patrimonio, no mes de abril e logo de seguir o procedemento recollido no Regulamento de honras e distincións municipal para, finalmente, ser sometida á votación da Corporación municipal para a súa aprobación na vindeira sesión plenaria, que vai ter lugar o xoves, 11 de agosto, ás 12.00 horas, na casa consistorial.

Deste xeito, o Concello de Dodro desexa convidar á veciñanza a compartir un acto tan emotivo, no que se agarda a presencia de Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

“Lembremos que Rosalía de Castro é de Dodro, de Galicia pero sobre todo é universal, este nomeamento supón un exercicio de xustiza social polo traballo e contribución da poeta na defensa da nosa lingua e cultura galega, pero sobre todo un exercicio de democracia cultural, pois a súa escrita constitúe un estímulo para a creación cultural, un referente pedagóxico e un emblema identitario para as novas xeracións”, apuntan.

06 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.