Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dolmens como motor de futuro do turismo cultural na Costa da Morte

Expertos de Galicia, Portugal e Irlanda aportan propostas para o Parque do Megalitismo, en Ponteceso // Reivindican os valores da nosa historia e as orixes

Costa da Morte quere converter os seus monumentos neolíticos no gran motor do turismo cultural de futuro e, con tal fin, este xoves comezaron no Couto (Ponteceso) unhas xornadas de divulgación e promoción do Parque do Megalitismo, nas que participan expertos de Galicia, Portugal e Irlanda.

O director do Museo Arqueolóxico da Coruña, Felipe Senén, fixo un chamamento para “reivindicar a nosa historia e orixes”, e puxo a Irlanda como modelo a seguir. “A xestión do patrimonio funciona se hai xestores con dedicación, entusiasmo, dedicación e coñecemento”, afirmou.

Apelou tamén a “non degradar os monumentos con gastos de afeamento” e, respecto ao Parque do Megalitismo, sinalou que “o que hai que facer é camiños para chegar aos xacementos e expropiar eses valados históricos de pedra seca, que son Patrimonio da Humanidade”.

Nas xornadas tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen louvou a posta en marcha do parque megalítico e avogou por aproveitar o valor “que nos aportan os recursos endóxenos para facer un relato propio, que nos distinga e identifique”. Sinalou ademais que este tipo de turismo cultural é dos que se pode realizar todo o ano “e axuda a desestacionalizar o sector”.

O científico César González-García centrou a súa intervención na arqueoastronomía e a influencia da astronomía nos dolmens, namentras que a irlandesa Gail Higginbtottom avaliou o megalitismo “onte e hoxe” e a portuguesa Goretti Sousa puxo sobre a mesa as relacións megalíticas de Galicia e o norte de Portugal.

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez, expuso a idea do futuro do Parque do Megalitismo e o filósofo e escritor Luis García Soto analizou a presenza do megalitismo na obra de Eduardo Pondal. A xornada matinal pechouse coa interpretación do Himno de Galicia a cargo da cantautora vimiancesa do grupo Luar na Lubre, Irma Macías.

Xa pola tarde, os participantes nas xornadas desfrutaron de visitas guiadas á Fornela dos Mouros, do Aprazadoiro (Laxe), da man de Xan Fernández Carrera. Víctor Manuel Pose interpretou ademais dous poemas de Antón Zapata. Posteriormente, desprazáronse ata Dombate, onde o arqueólogo José María Bello repasou a historia das escavacións do dolmen, e Luis Jaime Rodríguez presentou o patrimonio arqueolóxico que é de titularidade da Deputación da Coruña.

O grupo Os Quinquilláns fixeron unha representación histórica titulada No tempo das pedras e Abraham Cupeiro ofreceu un concerto con instrumentos ancestrais.

A xornada rematou nas Torres do Allo (Zas) cunha posta en común do abordado ao longo do día e cunha nova peza teatral dos Quinquilláns.

O venres e o sábado continuarán as actividades promovidas pola Fundación Eduardo Pondal, coa colaboración da Deputación, con novas saídas aos dolmens de Pedra Cuberta, Pedra da Lebre, Arca da Piosa, Regoelle, Parxubeira, a Anta de Erboedo, Aldemunde e Cerqueda.

17 jun 2021 / 19:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.