Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O traballo de Jean-Claude Thierry foi o elixido polo público // Narra os problemas que empurran aos mozos de Saint Louis (Senegal) a emigrar // No acto de clausura tamén se proxectou ‘Un mar de tradisións’, do taller de cine da ría de Muros-Noia TEXTO M. Cano

‘Doole doole’ filme vencedor da Mostra Mares da Fin do Mundo

A primeira sección oficial da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello outense, xa ten gañador. O filme mellor valorado polos asistentes á cita foi Doole doole (2019), do realizador francés Jean-Claude Thierry.

Segundo sinalaron dende a organización, este documental “representa a filosofía deste evento, poñendo o foco na actualidade dos movementos migratorios en África Occidental”. Nos últimos anos, o Mediterráneo converteuse nunha fronteira de alto risco para os mozos africanos. En Saint Louis (Senegal), problemas como o avance do mar, a sobrepesca e un proxecto de explotación petroleira están empurrando aos mozos a marchar; argumento que centra a peza vencedora. Doole significa “forza” en wolof.

Para o acto de clausura da mostra, que acolleu este luns a casa da cultura de Outes, reservouse a proxección de Un mar de tradisións, unha curtametraxe realizada polos participantes do obradoiro de cinema da ría de Muros-Noia, promovido polo GALP Costa Sostible.

Un mar de tradisións supón un traballo interxeracional no que o alumnado outense do citado taller entrevista a mulleres das súas familias que foron expertas mariscadoras. “Para moitos, esta foi a súa primera experiencia no mundo audiovisual, e nalgún caso tamén a primeira vez que se achegaban ao mundo do marisqueo, pese a ser un sector de moita importancia na contorna”, explicaron as mesmas fontes.

Aínda que no sector audiovisual as tarefas adoitan estar divididas en departamentos, neste caso o traballo foi realizado de forma totalmente colectiva: todo o alumnado do obradoiro colaborou na creación do guión e na produción, e todos filmaron e gravaron audio.

Así, o resultado é un achegamento emocional a un sector importante e a unha actividade coa que case todas as familias desta comarca están relacionadas.

actividades paralelas. Como en edicións anteriores, a programación complementouse con varias actividades desenvolvidas no centro náutico do Freixo. Alí tivo lugar unha mesa redonda sobre o futuro da pesca artesanal na que participaron o mariñeiro sonense Rogelio Santos; a bióloga da confraría de Noia, Liliana Solís; o presentador de Mar de Ardora da CRTVG, Xusto López; a secretaria do pósito de O Pindo, Mercedes Díaz, e o vicepatrón maior da confraría de Muros, Primitivo Pedrosa.

Os asistentes tamén desfrutaron dunha degustación gastronómica que correu a cargo do pósito noiés. Nesta ocasión, o cociñeiro Miguel Mosteiro (do restaurante Gastrolab Arousa) foi o elixido para sumerxirse nos sabores do mar e elaborar diversos pratos que tiñan como ingrediente principal o berberecho de Noia, amosando a calidade e o potencial culinario do bivalvo rei.

Asemade, numerosas persoas optaron por descubrir o territorio a través das saídas pola ría de Muros-Noia no veleiro centenario Joaquín Vieta, ás que acompañaron visitas a bordo das embarcacións no porto e a exposición Que embarcación é?, organizadas por Culturmar. O grupo compostelán The Sar Swing Quintet foi o encargado de poñer o broche a estas actividades cunha actuación musical este luns.

Este ano a fotografía tamén regresou á Mostra Mares da Fin do Mundo da man do artista Xacobe Meléndrez Fassbender cos proxectos: Berros no roncar das ondas (casa da cultura) e Curar feridas (náutico do Freixo). Ámbalas exposicións fotográficas poderán visitarse até o vindeiro 28 de novembro.

02 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.