Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas novas sendas peonís en Coristanco

Xa están adxudicadas as obras dos itinerarios que darán servizo á veciñaza de Montecelo e Bormoio // Estarán rematadas para o verán do vindeiro ano

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por un importe de 673.271 euros as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco. A intervención, adxudicada á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., prevé iniciarse na segunda quincena de novembro, co obxectivo de poñer xa á disposición dos veciños no verán do 2023 os novos itinerarios peonís. Os traballos teñen un prazo de execución de oito meses.

As sendas localizaranse en varios treitos da estrada autonómica AC-552, concretamente entre os puntos quilométricos 34+400 e 34+860, e 44+300 e 45+080. Os novos itinerarios darán continuidade á senda posta en servizo en febreiro, un itinerario de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, cun investimento da Xunta de Galicia de 1,1 M€.

Construiranse, en total, algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terra para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso peonil, cun ancho mínimo de dous metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.

O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.

Neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda e aproveitarase para acondicionar a curva existente.

PONTE. No núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda.

Primeira fase
Once quilómetros

··· A Xunta de Galicia segue a apostar pola mobilidade sostible, avanzando agora nestes novos treitos de senda na estrada AC-552, despois de levar xa construídos 200 km de sendas en toda Galicia e investidos 50 M€.

··· Entre elas, destacan os 11 km executados coa 1ª fase do Plan de sendas de Bergantiños, con 5 M€ de investimento, e tamén os que se iniciaron en xuño, en Soesto e Serantes, en Laxe; ou os que se impulsan en Ponteceso, en Xornes -xa en obras- e no Couto.

··· As intervencións contan con financiamento da UE dos fondos Feder 2014/2020 e REACT EU.

28 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.