Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas turcas dinamizan a vila lousamiá con accións para os rapaces

Ebru Karaca e Dilara Güven impartirán un curso de actividades de tempo libre en inglés // Participan nun proxecto de voluntariado

O Concello de Lousame convoca un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre que será impartido totalmente en inglés por Ebru Karaca e Dilara Güven, as dúas voluntarias turcas chegadas a través do proxecto europeo Actividades interxeracionais de voluntariado.

Unha iniciativa que foi presentada hai uns días pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; o técnico de Voluntariado de Lousame, Xosé Manuel Outeiral; e as propias Ebru Karaca e Dilara Güven.

“Animamos aos nenos e nenas de Lousame a que se apunten porque é unha forma de entreterse, aprender e lembrar o inglés aprendido no colexio. Para iso participarán en actividades como pintura, karaoke, música, xogos, teatro, creatividade...”, explicou Silvia Agrafojo.

Unha iniciativa deseñada por ambas voluntarias que se mostraron “moi felices de traballar co Concello de Lousame. Esperamos que estas actividades teñan éxito”, sinalou Ebru Karaca. “Queremos que os nenos e nenas desfruten coas actividades que temos programadas”, engadiu Dilara Güven.

As sesións terán lugar no exterior do local social do Sanguiñal (Tállara) durante o mes de agosto en horario de mañá, de 10.30 a 13.30 horas (se chovese, ocuparíase o propio local). Haberá tres quendas: nenos/as de 5 a 6 anos (3, 4, 5 e 6 de agosto), de 7 a 9 anos (17, 18, 19 e 20 de agosto) e rapaces de máis de 10 anos (24, 25, 26 e 27 de agosto).

As inscricións poden formalizarse do 9 ao 23 de xullo en bandoticket.com . Haberá 15 prazas dispoñibles por quenda, que serán adxudicadas por orde de inscrición.

Finalmente, Xosé Manuel Outeiral destacou que “é unha iniciativa novidosa, deseñada totalmente por Ebru e Dilara e que está incluída dentro das Actividades interxeracionais do voluntariado”.

programa Ebru Karaca e Dilara Güven, chegaron ao Concello de Lousame no mes de maio para participar no proxecto europeo Actividades interxeracionais de voluntariado. O programa desenvolverase ata o 17 de decembro e inclúe actividades formativas, colaboración cos equipos da oficina de voluntariado e de xuventude, participación en actividades de cultura, de servizos sociais e de deportes.

No primeiro mes da súa estancia as dúas persoas voluntarias tiveron a oportunidade de afondar no coñecemento do idioma galego e de gozar da beleza das paisaxes destas áreas. En rolda de prensa, ambas coincidiron en poñer en valor o patrimonio natural do Concello de Lousame.

Teresa Villaverde, a alcaldesa de Lousame, destacou a capacidade de adaptación das persoas voluntarias e sinalou que “este programa é unha gran oportunidade para coñecer outras culturas e ademais permítenos achegar Lousame a outros países e facer que o nome do noso municipio estea presente alén das nosas fronteiras”.

Ao longo destes meses, as dúas persoas voluntarias que forman parte da Asociación Xuvenil GAP Genclik Denergi, promoven actividades, participan en conferencias, obradoiros de animación á lectura, así como en actividades de teatro, musicais ou deportivas, contribuíndo á dinamización do Centro de Día, exercendo de apoio no Punto de Atención á Infancia e facilitando a realización de actividades lúdicas en inglés.

O programa desenvólvese a través do Corpo Europeo de Solidariedade, que mantén unha listaxe de persoas que desexan participar en proxectos de voluntariado e iniciativas solidarias.

11 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.