Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Concelleiros da primeira lexislatura democrática de Boqueixón visitan o Parlamento

Acompañados do rexedor da vila e do deputado autonómico viron os distintos departamentos da institución galega onde se fan as comisións e polo hemiciclo

Sempre hai alguén a quen lle toca experimentar con algo que está fóra do establecido ou do coñecido ata o momento. E neste senso, as primeiras lexislaturas democráticas son, dende logo, un bo exemplo deste desafío, posto que o cambio de modelo foi intenso.

Un grupo de cinco concelleiros que formaron parte da primeira lexislatura da democracia do Concello de Boqueixón fixeron unha visita ao Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira. Acudiron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo deputado e exalcalde Ovidio Rodeiro Tato. Os concelleiros asistentes foron concretamente os seguintes: Arturo Villar López, José Jesús Rendo Soutullo, Emilio Couto Fandiño, José Raviña Otero e David Calvelo Otero.

O alcalde de Boqueixón explicou a este diario respecto á cita que tiveron que “cada ano os cinco concelleiros que quedan da primeira lexislatura en Boqueixón fan un xantar por estas datas, ao que somos convidados, eu como alcalde, e Ovidio Rodeiro como deputado autonómico. E pensamos que sería unha visita do seu interese”, sinalou.

Neste sentido, o rexedor boqueixonés apuntou que “fixemos unha visita moi interesante ao Parlamento, guiados polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, que nos levou polos distintos departamentos, por onde se celebran as comisións e polo hemiciclo, algo que lles gustou moito a todos”.

Os concelleiros recordaron e comentaron durante o encontro na institución galega como eran aqueles tempos da primeira corporación en Boqueixón. “Eran catro grupos políticos distintos pero a gran maioría dos acordos tomábanse por unanimidade, algo que hoxe non está no pensamento de ninguén nin nos concellos, nin no Parlamento nin en ningures”, indicou Fernández Munín.

Hai que lembrar que o Parlamento de Galicia se constituíu o 19 de decembro do ano 1981 no Pazo de Xelmírez, polo que aínda se atopa dentro da celebración do seu corenta aniversario.

15 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.